Nace en Barcelona Sora Stream, unha plataforma de xogo na nube
Non é a primeira vez que oímos por parte de estudios ou compañías tecnolóxicas falar das crecentes posibilidades do xogo na nube ou cloud gaming. Dun tempo para acó diferentes compañías puxeron o ollo a esta tecnoloxía (Google, por exemplo, fixo probas con Project Stream, un servizo de streaming de videoxogos para xogar directamente no navegador do PC). Dende Barcelona chega agora Sora Stream, unha nova plataforma que pode funcionar en varios dos dispositivos electrónicos que posuímos habitualmente no fogar (Smart TV, PC, teléfono ou tableta) e que promete horas de diversión por un prezo máis que razoable.
Para gozar de Sora Stream non é necesaria a compra dunha consola ou un dispositivo a maiores (agás no televisor). Na práctica, bastaría con subscribirse ao seu servizo por 9,99 euros ao mes para poder botarlle o dente a un catálogo variado de máis de 50 títulos, sen maior restrición que o tempo que un ten dispoñible na súa vida.
Segundo os datos manexados polo Ministerio de Economía, máis do 85 % dos fogares da península posúen un ordenador ou unha televisión, un dato máis que interesante á hora de sinalar como a tecnoloxía e as novas ferramentas de comunicación fixéronse un oco enorme dentro das nosas vidas. O xogo na nube quere aproveitar esas cifras para gañarse o seu lugar a través dos xogadores máis casuais ou que non teñen máquinas propias dedicadas en exclusiva aos videoxogos. Boa proba diso son os xogos para móbiles, onde os máis exitosos adoitan ser tamén os que non requiren dunha atención súper continuada, ou mesmo nin a reclaman.
Sora Stream apela a estes xogadores, pero tamén a novas audiencias: aquelas que deixaron de xogar porque posúen un hardware anticuado, aos que senten curiosidade pero non queren investir en dispositivos ou pagar por cada xogo… Un mercado potencial que incorporar ao universo dos videoxogos baixo unha premisa: “máis por menos”, segundo indican dende Ludium Lab, a empresa barcelonesa que está detrás desta plataforma dixital. “O futuro do xogo é a nube, eliminar a barreira de entrada que supón depender dunha consola ou un PC equipado á última e así facer máis accesible o lecer interactivo, integrándoo nos dispositivos do fogar”, opina Juan José Martín, CEO da compañía.
Simple e atractivo
Para gozar de Sora Stream, ou reclamar máis información, só hai que entrar na web www.sorastream.com, rexistrarse e descargar a súa aplicación para Windows ou Android. No futuro poderá xogarse directamente dende o navegador (sen ningún tipo de descarga). Non require de dispositivos adicionais, excepto para xogar en Smart TV, para o que é necesario dispoñer dun Android TV- Box. Os xogos non se compran nin se descargan, senón que o pago da subscrición dá acceso ilimitado a todo o catálogo, que se lanza inicialmente con 50 títulos e que irá constantemente sumando novidades. Admite multixogador local ou en liña. Ademais, a plataforma inclúe mecanismos de control para os pais.
Como funciona?
Con Sora Stream os videoxogos nin se descargan nin se executan no dispositivo do consumidor, senón nos servidores da compañía. Traballan con servidores híbridos, o que lles permite facer fronte a picos inesperados de demanda. A súa tecnoloxía permitiulles superar as principais barreiras do streaming na nube, reducindo o custo dos servidores, minimizando o lag e rebaixando as esixencias de banda ancha.
Dicir que Ludium Lab é unha empresa tecnolóxica con sede en Barcelona que nace en 2012 como un proxecto paralelo á Universitat Politècnica de Catalunya, na que un grupo de investigadores comezou a desenvolver unha nova tecnoloxía de streaming na nube. O equipo leva máis dunha década traballando para perfeccionar esta tecnoloxía e conseguir a súa implementación coa máxima calidade pero con un custo baixo
Aquí tes algúns datos e requisitos mínimos de interés: