Nace Rebel Wolves, estudio do director de The Witcher 3 e ex traballadores de CD Projekt

O que foi director de The Witcher 3: Wild Hunt, xunto con outros empregados de CD Projekt, acaban de anunciar a fundación dun novo estudio. Chámase Rebel Wolves e xa están traballando nun RPG «triplo A de fantasía escura».
Semella que queren continuar o camiño marcado por ese fito que foi o terceiro xogo de Geralt de Rivia, coa maxia nunha man e a espada noutra. Konrad Tomaszkiewicz, que tamén estivo no desenvolvemento de Cyberpunk 2077 como xefe de produción e director secundario, fixo público o nacemento deste estudio novo a través dunha nota de prensa e xa adianta que tentará «afastarse da envergadura dos estudios de desenvolvemento triplo A e confrontar todos os obxectivos como equipo».
Para todo o equipo de Rebel Wolves, os videoxogos son algo que sempre nos sentimos destinados a crear… Estamos a desenvolver un videoxogo que nos gustaría xogar na maneira na que se deberían crear os xogos. Queremos evolucionar o xénero RPG creando historias inesquecibles e conmovendo con emocións profundas, todo iso traballando como un equipo estreitamente unido cun obxectivo e ambición común. Colectivamente, vemos Rebel Wolves como un lugar onde desenvolvedores experimentados poden volver atopar a súa paixón, onde poden centrarse nas súas creacións e envorcar todo o seu amor nun título alucinante e ambicioso. Queremos ser pequenos e áxiles, un lugar onde a xente se coñece e preocúpanse uns por outros.
A mensaxe tamén foi asinada e confirmada por Jakub Szamałek, director narrativo e principal guionista en Rebel Wolves, que se une a unha recua de nomes como o do director de deseño Daniel Sadowski, a directora de animación Tamara Zawada, o director de arte Bartłomiej Gaweł, o CFO Michał Boryka e o director do estudio Robert Murzynowski, que traballaron en títulos como Cyberpunk, Thronebreaker, Shadow Warrior 2 ou a triloxía The Witcher.