Need for Speed e Plants vs. Zombies terán novas entregas en 2019

Trala última reunión dos investidores de Electronic Arts xa sabemos que a compañía californiana está a traballar nas novas entregas das sagas de Plants vs. Zombies e Need for Speed.
Foi grazas ao director de operacións, Blake Jorgensen, que puidemos coñecer esta nova. Jorgensen, referíndose aos plans do estudo, afirmou que están contentos de poder lanzar “Anthem, a nosa nova licenza, facer medrar Apex Legends e as experiencias relacionadas con Titanfall, ofrecer novos Plants vs. Zombies y Need for Speed, e engadir Star Wars Jedi: Fallen Order ao noso catálogo de outono” no que tamén se agardan as novas edicións dos seus xogos deportivos, tales como FIFA ou NFL.
Con esta nova entrega da súa arcade de condución, seguramente Electronic Arts pretende esquecer o mal grolo que supuxo o anterior título da franquía, Need for Speed Payback. Lanzado en 2017, foi duramente criticado tanto por usuarios como por prensa especializada, reflectíndose nunhas pobres notas en Metacritic. Esperemos que a conexión permanente a Internet sexa retirada nesta ocasión e saiban definir un novo camiño a seguir para o título.
Pola súa banda, Plants vs. Zombies cosechou máis alegrías ultimamente entre o público. Dende a súa última entrega pasaron xa tres anos, posto que a vertente multixogador de Plants vs. Zombies: Garden Warfare 2 lanzouse no 2016, así que o anuncio dunha nova entrega era inminente. Aínda por riba, a conta en Twitter confirmou o xa anunciado por EA.
Did you hear? The PvZ team is excited to confirm that we are working on a new Plants vs Zombies title for consoles and PC! We’ll share more details on this title in the future, so stay tuned!
— Plants vs. Zombies (@PlantsvsZombies) February 5, 2019
A pesar de todo, aínda descoñecemos a data exacta de saída de ambos os títulos, así como as novidades que se introducirán en cada unha das franquías. Queda claro que Electronic Arts quere volver conquistar aos xogadores, apostando por franquías de éxito no pasado, novas IP como Anthem e utilizando unha das súas mellores bazas, como é a licenza de Star Wars.