
New World anuncia o seu cuarto atraso consecutivo e sairá a finais de setembro
Non son poucos os que esperan moito de New World, cuxo nome ofrece pistas sobre as súas intencións: ser o novo mundo de moitos, ofrecer un novo MMO no que empezar de cero.
O xogo creado por Amazon é a súa aposta máis forte a día de hoxe para se introducir na industria do videoxogo —de non contarmos Twitch—, e xa logrou xerar unhas expectativas bastante altas trala súa beta pechada.
Ora ben, teremos de esperar un pouco máis para poder xogalo en aberto. O título tiña prevista a súa chegada este 31 de agosto, mais atrasarase case un mes. A nova data para a súa estrea é o 28 de setembro.
A continuación tes o comunicado oficial dos seus responsables:
Estamos conmovidos polo apoio que recibiu New World por parte de xogadores de todo o mundo a través da Beta Pechada. Durante a Beta, máis dun millón de aventuras foron xugadas durante máis de 16 millóns de horas en total. Grazas ao voso apoio, New World converteuse nun dos xogos máis vistos en Twitch, e un dos máis xogados en Steam. A paixón e o entusiasmo que mostrastes por New World valida o traballo que puxemos durante o ano pasado, mellorando o xogo en base aos vosos comentarios.
Polo camiño, proporcionástesnos unha gran cantidade de solicitudes e comentarios que nos servirán para facer incluso mellor New World. Queremos que o lanzamento de New World sexa unha experiencia suave e divertida para todos os xogadores, e iso significa realizar algunhas melloras baseadas no que atopastes durante a Beta Cerrada. Así que imos tomar unhas semanas extra para eliminar bugs, mellorar a estabilidade e puír o xogo. A nova data de lanzamento para New World é o 28 de setembro de 2021.
Non foi unha decisión doada de tomar. Sabemos que non é a primeira vez que cambiamos a nosa data de lanzamento en busca dunha mellor calidade, e pode ser decepcionante esperar un pouco máis. Pero queremos estar seguros de que entregamos o xogo de maior calidade posible no lanzamento. Grazas polo voso apoio e comentarios. Estamos a escoitarvos. Verémonos en Aeternum