New World, o xogo de Amazon Game Studios, chegará finalmente en agosto

Unha das empresas máis relevantes a nivel mundial decidiu entrar con forza na industria dos videoxogos. Amazon trazou un plan de futuro a través do seu estudio, Amazon Game Studios, o cal utilizará Project Tempo, unha plataforma de xogo na nube da compañía. Nela poderemos gozar de tres títulos: New World, Crucible e unha obra ambientada no universo do Señor dos Aneis.
O primeiro deles tiña marcado o mes de maio como o seu marco de lanzamento, malia que finalmente se ve adiado por mor da crise do coronavirus. Grazas a un tráiler, puidemos saber que a data definitiva será o próximo 25 de agosto e que en xullo contará cunha beta pechada. New World é un MMO de mundo aberto situado en Aetérnum, unha illa ficticia e sobrenatural do século XVII no que poderemos escoller diversas clases de personaxes.