New World triunfa na súa estrea con más de medio millón de xogadores simultáneos

As colas para acceder aos seus servidores e iniciar partida están a ser carne de meme, pero é até lóxico vendo as cifras iniciais de New World. O MMORPG de Amazon Game Studios podería ser definido como un éxito inmediato, ao superar xa o medio millón de xogadores simultáneos en Steam durante as súas primeiras horas de vida.
Non é un asunto menor. O xogo de rol converteuse no quinto título da plataforma de Valve en alcanzar semellante cifra, chegando a ser o segundo máis popular nos Estados Unidos, só por detrás dun xigante como é Counter-Strike.
New World é un multixogador masivo de mundo aberto no que entramos na pel dun aventureiro que naufraga na illa de Aetérnum. Amais de colleitar recursos e mellorar o noso equipamento para tentar sobrevivir, deberemos enfrontar todo tipo de inimigos, sexa en solitario ou formando parte de clans, grupos e exércitos. Na práctica, é o típico MMORPG, pero cun aire novo e actual.
Doutra banda, non se pode falar de éxito inesperado. Xa na súa beta aberta o título de Amazon comezou a chamar enormemente a atención, acaparando miradas e titulares, e mesmo forzando un atraso no lanzamento para puír certos elementos por mor do enorme interese xerado, con máis de 140.000 usuarios pululando por este novo mundo.
Hai apenas uns días, Christoph Hartmann, vicepresidente de Amazon Games, contaba a GamesIndustry que «un pode facer todos os estudos de mercado que queira pero non vai saber se ten un bo xogo até que o poña en mans doutros […] en moitas ocasións non sabes o que tes até que chega ás tendas». Polo comentado nesta mesma entrevista, New World xa superou as expectativas dos seus creadores.