
Ninja abandona Twitch e ficha por Mixer
Pelo tinguido de azul, faciana pálida, omnipresenza en calquera artigo que fale sobre creadores de contido. Tyler ‘Ninja’ Blevins tocou o ceo do éxito e a popularidade grazas a Fortnite. É, a día de hoxe, a cara máis coñecida do xogo, chegando a ser unha das personalidades máis relevantes de Estados Unidos entre a mocidade —foi convidado a eventos, programas televisivos, concursos…—. Hai unhas horas, volvía ocupar un sitio privilexiado na axenda informativa, o motivo?, a súa fichaxe en exclusiva por Mixer. Ninja deixará de emitir, desde xa, en Twitch, a plataforma máis popular de streaming.
«A partir de hoxe comezarei a retransmitir de forma exclusiva en Mixer», indica nun breve vídeo, que parodia unha especie de rolda de prensa, publicado no seu Twitter. Diferentes fontes foron adiantando unha cifra concreta do que Microsoft, dono de Mixer, debeu sacar da súa carteira para que Ninja só emita na súa plataforma. A cifra máis repetida aproxímase aos mil millóns de dólares. Hai que deixalo claro, non é un número oficial aínda que tampouco soa a fantasía.
The next chapter,https://t.co/lvn9KBjEYq pic.twitter.com/tljVgyM3bG
— Ninja (@Ninja) August 1, 2019
O creador estadounidense conta con máis de 14 millóns de seguidores en Twitch, os cales terán que aterrar agora a Mixer se desexan continuar vendo as partidas de Ninja. Seu é o mérito de ser o primeiro usuario desta plataforma en superar os 10 millóns de seguidores. Segundo a CNBC, chegou a facturar máis de medio millón de dólares ao mes este último ano fiscal.
Este movemento por parte de Mixer (Microsoft) perfílase como o maior golpe de efecto e apoio á súa plataforma desde o seu nacemento. Se o comparamos con Twitch ou Youtube, esta sería a máis relegada en popularidade, ao contar con 119 millóns de horas en visualizacións — Twitch tivo 2.700 millóns— , aínda que conta cun 37 % de crecemento interanual.