Ninja Theory anuncia o seu novo título, Project: Mara

Ninja Theory anuncia o seu novo título, Project: Mara

Un dos grandes movementos nos últimos anos por parte de Microsoft, foi a incorporación de Ninja Theory ao conglomerado de Microsoft Studios. Desta forma, a compañía norteamericana conseguía que o estudio creador de Hellblade: Senua’s Sacrifice tornase nun dos first party máis cotizados da industria. Agora, após traballar en Bleeding Edge, xa hai novo título en camiño; o seu nome é Project: Mara, malia que non se coñece aínda data de lanzamento.

Foi Dom Matthews, director de Ninja Theory, o encargado de remarcar as virtudes deste novo proxecto. «Project: Mara será unha representación do terror mental baseado no mundo real», afirma Matthews, que tamén recalca a importancia que terá o xogo á hora de desenvolver novas formas de contar historias. Tal e como se pode comprobar no teaser que compartiron, podemos observar como unha muller aparece tremendo na escuridade ante a presenza dalgunha ameaza descoñecida.

Despois do anuncio deste último proxecto, Ninja Theory atópase agora mesmo traballando en tres títulos: The Insight Project, Senua’s Saga: Hellblade II e Project: Mara, os cales serán lanzados de forma exclusiva para sistemas de Microsoft.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados