Ninja Theory saca peito a través dos gráficos hiperrealistas de Project: Mara

Ninja Theory saca peito a través dos gráficos hiperrealistas de Project: Mara

Malia que cada vez estamos menos predispostos á sorpresa, é certo que ver os escenarios de Project: Mara pode provocar unha pequena crise de realidade. O motivo? Os seus gráficos son demasiado reais. Así é, o novo título de Ninja Theory estreou imaxes a través dun novo vídeo no que explican e comparten algúns dos retos que supón a obra, como a creación dunha estética totalmente fotorrealista.

Project: Mara desenvolverase nun espazo pequeno, o apartamento do seu protagonista, polo que os responsábeis do proxecto queren que este lugar sexa un protagonista indiscutible, onde cada detalle conte. Para iso, están a apoiarse nunha captura asombrosa dos lugares, retratando milímetro a milímetro cada esquina, cada mota de po.

Facendo uso do motor Unreal Engine 5, o equipo inglés quere «recrear a realidade de maneira obsesiva» para que os xogadores sexan capaces de relacionarse  e entender rapidamente os materiais e os espazos que percorren nas diversas estancias do apartamento. Para traballar nas distancias e as proporcións usaron escáneres LiDAR para mediren cunha absurda precisión cada elemento. Ademais, para engadiren partículas ou fluídos como auga ou po no chan, idearon métodos procedurales, que imitan á perfección o comportamento real destes elementos.

«Neste momento está a ocorrer un cambio en Ninja Theory relacionado co xeito no que creamos arte», explica no vídeo o xefe do departamento creativo, Tameem Antoniades. «Os artistas non están aquí para crear un obxecto senón para crear sistemas que poidan crear ese obxecto e infinitas variacións do mesmo. Esta aposta por capturar a realidade non se limita só ao apartado artístico do xogo. Para escribir de forma realista o ‘sufrimento mental’ da protagonista traballouse con psicólogos, psiquiatras e outros expertos en saúde mental».

Iso si, toca esperar por Project: Mara. Non hai data de lanzamento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.