Nintendo achegará un novo instrumento para xogar con Switch

Vese que a compañía da gran N quedou con gana de anunciar máis novidades após o Nintendo Direct desta semana. A marca xaponesa revelou, a través dun vídeo de pouco máis dun minuto, unha nova maneira de gozar con Nintendo Switch. Trátase dun periférico con forma de aro, flexible, e que incorpora uns sensores capaces de detectar movemento.
Sen máis aclaracións ou datos específicos, semella que o instrumento quere promover a actividade física e os xogos que axuden aos xogadores a estar en forma, así como a idea de realizar estas accións de xeito divertido e en compañía.
Nintendo non ofreceu un nome oficial, aínda que si achegou unha data: o 12 de setembro. Aínda que non hai unha hora fixa, suponse que en menos dunha semana saberemos máis detalles sobre este periférico que tamén fará uso dos Joy-Con para funcionar.
No pasado, a compañía xa gozou de bastante éxito con este tipo de utensilios dedicados á actividade deportiva, como Wii Fit —que vendeu 22 millóns de unidades en todo o mundo—, Wii Fit Plus ou, nun eido similar, Wii Sports.