Actualidade Nintendo logra unhas cifras espectaculares no comezo do ano fiscal

Nintendo logra unhas cifras espectaculares no comezo do ano fiscal

Espectaculares resultados financeiros os que obtivo Nintendo no seu último trimestre. En todos os apartados medíbeis a compañía xaponesa destaca con cifras moi altas que referendan as súas apostas durante os últimos anos. Como exemplo temos ao seu buque insignia, a Nintendo Switch. A consola vendeu 61,44 millóns de unidades desde o seu lanzamento até o 30 de xuño do 2020. Brutal.

A crise sanitaria non fixo outra cousa máis que reforzar a Nintendo que vendeu 5,67 millóns de unidades desde o 31 de marzo, incluíndo o modelo Lite e o normal. O comeza do ano fiscal tamén foi xenial no apartado de vendas de software, xa que se venderon un total de 50,43 millóns de títulos para Nintendo Switch.

Capitaneando este lista atópase Animal Crossing: New Horizons que se coloca con 22 millóns de copias, o que significa que entre abril e xuño vendeu 9,3 millóns de unidades. Este crecemento exponencial comeza a ameazar o reinado de Mario Kart 8 Deluxe como xogo máis vendido da compañía, namentres Super Smash Bros. Ultimate comeza a rozar os 20 millóns en vendas.

Outros títulos con excelentes datos son Ring Fit Adventure que se aproxima aos 4 millóns de copias mesmo cos continuos problemas de stock que sufriu. Outra estrea positiva foi Xenoblade Chronicles: Definitive Edition, que se sitúa con 1,32 millóns apenas un mes despois do seu lanzamento. Aquí tedes a lista ao completo dos xogos máis vendidos para Nintendo Switch:

  • Mario Kart 8 Deluxe – 26.74 millóns.
  • Animal Crossing: New Horizons – 22.4 millóns.
  • Super Smash Bros. Ultimate – 19.99 millóns.
  • The Legend of Zelda: Breath of the Wild – 18.60 millóns.
  • Pokémon Sword e Pokémon Shield – 18.22 millóns.
  • Super Mario Odyssey – 18.06 millóns.
  • Pokémon: Let’s Go, Pikachu! e Pokémon: Let’s Go, Eevee! – 12.20 millóns.
  • Super Mario Party – 10.94 millóns.
  • Splatoon 2 – 10.71 millóns.
  • New Super Mario Bros. U Deluxe – 7.44 millóns.
  • Ring Fit Adventure – 3.9 millóns.
  • Xenoblade Chronicles: Definitive Edition – 1.32 millóns.
  • Clubhouse Games: 51 Worldwide Classics – 1.03 millóns.
Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.