Actualidade Nintendo confirma a Pokémon Espada e Escudo como un dos seus grandes éxitos

Nintendo confirma a Pokémon Espada e Escudo como un dos seus grandes éxitos

Contra vento e marea. A pesar das numerosas críticas que recibiu antes e despois do seu lanzamento, Pokémon Espada e Escudo seguen sen defraudar en vendas. Así o confirman os datos, xa que o xogo de Game Freak acadou as máis de 16 millóns de unidades distribuídas en todo o mundo e colócase no quinto lanzamento máis vendido de todo o catálogo de Nintendo Switch.

Co fin de comparar o seu éxito con de as entregas anteriores, basta con acudir ao número de unidades distribuídas por Pokémon: Let´s Go e Pokémon Sol e Luna no mesmo período de tempo. Unha vez máis, a entrega máis recente da franquía sae gañando. Let´s Go chegou aos 10 millóns de copias, mentres que a aventura en Alola quedou nos 14.69 millóns de unidades.

No pulso que mantén con outros títulos de Nintendo, Pokémon Espada e Escudo atópase en disposición de superar a The Legend of Zelda: Breath of the Wild ou Super Mario Odyssey, os cales se sitúan en pouco máis de 16 millóns de unidades vendidas. No horizonte albíscase a caza maior, Mario Kart 8 Deluxe, que cos seus case 23 millóns de vendas aínda resiste como o rei de Nintendo Switch.

Lembremos que recentemente se anunciou o Pase de Expansión para Pokémon Espada e Escudo, polo que as vendas probablemente consigan un pico moi importante no seu lanzamento, xa que novas rexións, pokémon e eventos agardan neste contido extra.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.