Actualidade Nintendo Direct :: As filtracións non poden cunha Switch sen teito

Nintendo Direct :: As filtracións non poden cunha Switch sen teito

Soa repetitivo, pero calquera encomio á máquina híbrida de Nintendo Switch está máis que xustificado neste 2019. Lonxe quedan aqueles estraños inicios nas que a compra da nova máquina xaponesa parecía estar só xustificada por esa obra magnífica que é Zelda: Breath of the Wild. As críticas centrábanse na súa falta de títulos, na ausencia de videoxogos dentro do seu catálogo… Que estraño soa agora tal afirmación; hoxe, que un está excedido pola enorme cantidade de novidades —sexan revisións, exclusividades ou novas marcas— que aparecen a cada retransmisión da gran N.

Os Nintendo Direct son un espazo sempre digno de ver, ás veces máis afortunados, outras menos; pero sempre con algo novo que contar, con algunha sorpresa difícil de prever; algo que nesta industria bótase de menos. Onte, as filtracións non llo puxeron fácil a Nintendo. Overwatch era un feito, incluso a sobremesa en forma de Xenoblade Chronicles era xa un segredo a voces. A chegada de vinte títulos de SNES? O mando filtrouse hai un par de semanas. Porén, houbo aplausos, atención das redes sociais e, algo que custa ver noutras plataformas: ilusión.

Os invitados obrigatorios

Na retransmisión deste xoves había nomes que tiñan que aparecer en pantalla por dereito propio. Luigi’s Mansion 3 amosou un novo adianto así como as novas suites eternas da aventura. Ademais, tamén se desvelou un modo Luigi contra Luigi no que poderán competir até oito xogadores nunha mesma consola. Chegará o 31 de outubro.

Pola súa banda, Smash Bros. Ultimate continúa o seu camiño. Sabe a compañía da súa importancia —é un dos títulos máis relevantes do seu catálogo—, por iso, amais do tempo que se lle destinou durante o Nintendo Direct, tamén contou cun espazo só para el após o directo. Desde hoxe, Banjo e Kazooie estarán dispoñíbeis no título de loita. Había, iso si, que dar unha sorpresa, responsabilidade que caeu sobre SNK e o mítico Fatal Fury. Terry Bogard será o próximo personaxe que chegará a Smash. Farao en novembro, confirmando outro dos rumores que voaban polas redes. E logo? Máis personaxes. Os responsábeis do título así o confirmaron. O desenvolvemento de novos loitadores está xa en marcha.

Pokémon Espada e Pokémon Escudo ofreceron novos detalles. Non demasiado impoñentes, pero detalles ao final. Poderemos personalizar aos nosos personaxes, así como montar un Poké Campamento no que xogar cos nosos compañeiros de viaxe, así como visitar campamentos doutros xogadores. Estas accións mellorarán a relación que teñamos cos Pokémon. Alén disto, para os que teñan apetito, presentouse a novidade de cociñar curri, a comida máis importante de Galar. Unha especie de minixogo no que poderemos aprender a preparar cen tipos distintos deste prato. Por último, dous Pokémon máis: Polteageist, unha criatura que vive nas vaixelas dos hoteis, do tipo pantasma; e Cramorant, unha ave do tipo auga e voador capaz de usar Surf, para logo, cun movemento especial, lanzar un peixe contra o inimigo.

E si, Animal Crossing New Horizons continúa a ensinar aos seguidores da franquía novos aspectos da illa Nook. Nesta ocasión, vimos como o xogo ofrece unha tenda de campaña para que a instalemos en calquera lugar. Teremos un teléfono e diversas ferramentas para construír e fabricar. Neste eido, o adiante fixo fincapé na procura de materiais, profundando no sistema de crafteo. Haberá pesca, comercio e poderemos gozar da aventura até oito xogadores á vez —en liña, catro en consola física—.

Super Nintendo, supoño

Após a filtración dos Joy-Con con forma de mando de SNES, era só unha cuestión de tempo que o anuncio se fixese oficial. Os usuarios de Switch levaban tempo reclamando á compañía xaponesa que ofrecese dentro de Nintendo Switch Online títulos da lendaria consola. Así foi. Para que gardarse máis tempo o ás na manga.

A estrea deste catálogo producirase o venres 6 de setembro. Vinte obras entre as que se inclúen algunhas de auténtica lenda, como Super Mario World, Ghost and Goblins ou Super Metroid. Outro billete de ida cara a unha época que o cambiou todo. A continuación tes a lista completa:

  • Super Mario World
  • Super Mario Kart
  • The Legend of Zelda: A Link to the Past
  • Super Metroid
  • Stunt Race FX (Por vez primeira desde o lanzamento orixinal en Super NES)
  • Kirby’s Dream Land 3
  • Super Mario World 2: Yoshi’s Island
  • Star Fox
  • F-ZERO
  • Pilotwings
  • Kirby’s Dream Course
  • BRAWL BROTHERS
  • Breath of Fire
  • Demon’s Crest
  • Joe & Mac 2: Lost in the Tropics
  • SUPER E.D.F. EARTH DEFENSE FORCE
  • Super Ghouls’n Ghosts
  • Super Puyo 2 (Dispoñíbel por vez primeira en Europa)
  • Super Soccer (Por vez primeira desde o lanzamento orixinal en Super NES)
  • Super Tennis (Por vez primeira desde o lanzamento orixinal en Super NES)

A chegada de vinte títulos de SNES a Nintendo Switch Online satisfai unha coñecida demanda dos usuarios.

As sorpresas que querían ser e as que foron

Blizzard quixo levar o seu hero-shooter á consola híbrida e aquí está. Overwatch é un título que encaixa bastante ben dentro de Nintendo, e non poucos recibirán con bos ollos a súa proposta competitiva. A filtración e confirmación da súa aterraxe, por parte de Kotaku, o 15 de outubro, quitoulle certo aire de sorpresa. Xa está aquí.

Tamén se produciu a volta de Kirby, cunha obra xa dispoñíbel e de balde na eShop. Chámase Super Kirby Clash, un título no que controlaremos a varios Kirby e portaremos un arsenal variado co que acabar cos inimigos, sexa en solitario ou en cooperativo. Agradécese.

Quizais a maior sorpresa de todo o Direct foi a presentación en sociedade de Deadly Premonition 2, continuación directa da obra creada por Swery65, e que chegará no 2020. Se non coñeciches a súa primeira entrega, quizais conveña que lle botes un ollo —está xa dispoñíbel na tenda dixital— ao tratarse dunha obra de certo culto, e que xerou unha serie de reaccións no seu día máis que interesantes. Movemento curioso por parte da compañía xaponesa. Inesperado.

Nesa aposta de Switch por recuperar glorias do pasado, é imposíbel non nomear o anuncio de DOOM 64, mítico xogo de Nintendo 64. O 22 de novembro poderase comprar en todo o mundo. O dedo no gatillo da nostalxia.

Doutra banda, Game Freak, os creadores de Pokémon, ofreceron imaxes do que será o seu novo proxecto, en paralelo á súa famosa franquía. Little Town Hero preséntase como unha obra que chegará o 16 de outubro, e na que manexamos a Axe, un heroe que defende o seu pobo dos monstros que tratan de invadilo. Como loitará? Coas súas ideas e estrataxemas. Unha orixinal proposta, sen dúbida.

A última gran sorpresa, aínda que tamén rumoreada, materializouse na forma do xogo de rol de Wii, Xenoblade Chronicles Definitive Edition. Vaise para 2020, e queda definido como unha versión mellorada nos distintos aspectos visuais do videoxogo orixinal.

Outras lembranzas

Máis aló das principais novidades, tamén houbo tempo para falar de lanzamentos próximos ou revisar o aspecto das confirmacións xa coñecidas, como esa heroica versión de The Witcher 3: Wild Hunt. Aquí queda unha lista do resto de obras que tiveron o seu momento durante o Nintendo Direct.

  • Divinity: Original Sin 2
  • Rogue Company
  • Tetris 99 versión 2.0
  • Mario y Sonic en los Juegos Olímpicos
  • The Witcher 3
  • Assassin’s Creed IV: Black Flag
  • Dauntless
  • Just Dance 2020
  • GRID Autosport
  • Farming Simulator 20
  • Ni no Kuni
  • NBA 2k20
  • Call of Cthulhu
  • The Outer Worlds
  • Devil May Cry 2
  • Vampyr
  • Tokyo Mirage Sessions
  • Star Wars Jedi Knight II: Jedi Outcast 
Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *