Actualidade Nintendo Direct :: A Gran N queda sen ideas para 2021

Nintendo Direct :: A Gran N queda sen ideas para 2021

O Nintendo Direct de onte tiña de ser un pequeno oasis de información que acougase a sede dos donos dunha Switch, mais a compañía xaponesa non soubo, ou non quixo, canalizar a sobresaliente posición ascendente na que se atopa na actualidade. Non é ningún segredo que Switch xa se vende soa, por iso, o primeiro Nintendo Direct desde 2019 —sen Mini, Indie ou similar elemento diante…— debía ser unha promesa de xúbilo. Quedouse pequena.

No horizonte da consola híbrida hai títulos interesantes, si, pero moitos continúan sen data e sen novas imaxes (Breath of the Wild 2, Metroid 4, Bayonetta 3...) e os que chegan novos (Splatoon 3, Project Triangle Strategy...) vanse a 2022. A día de hoxe, Nintendo non ten ningún coloso dixital que vender este ano, en teoría. Por suposto que terá exclusivos e títulos de interese, pero a idea de vivir a base de remasterizaciones e versións HD (The Legend of Zelda: Skyward Sword HD) empeza a cansar a un público que non pode gastar 60 euros n un título de 2011, e menos se hai uns meses tiñamos tres dos mellores Mario polo mesmo prezo.

O ritmo foi bo, pero as expectativas demasiado altas e, aínda por riba, todo o material estaba filtrado horas antes (e cun acerto do cento por cento). Nin Bayonetta, nin Silksong, nin o personaxe que ti querías para Super Smash Bros. Ultimate, porque é (case) imposíbel que pediras con antelación as espadas de Pyra e Mythra.

Tan malo é todo? Nin de lonxe. A chegada de Fall Guys é un chorro de felicidade para un título que encaixa á perfección en Switch. Outer Wilds é unha xoia. Legend of Mana loce precioso. Monster Hunter Rise promete horas e cacerías. No More Heroes 3 está aí. Neon White é o novo de Annapurna e con isto basta. Hai material, pero de xeito evidente, e así queda reflectido en redes sociais, había fame de algo grande, de dous ou tres pratos, e apenas houbo un.

Xenoblade Chronicles 2 x Super Smash Bros Ultimate

Pyra e Mythra uniranse ao cadro de loitadores de  Super Smash Bros. Ultimate para ofreceren outro deses personaxes que poderán cambiar a vontade. O clamor popular foi escoitado na lúa: «outro personaxe con espada?». A esixencia e as expectativas estaban altas.

Fall Guys

Difícil atopar ou pensar un xogo que encaixe mellor nunha consola como a de Nintendo que Fall Guys. Diversión accesíbel e para todo o mundo que chegará antes do verán. Pode que volva ter outro período dourado Mediatonic.

Outer Wilds

Xoia e marabilla que aterrará en Switch este verán. Unha aventura especial na que 22 minutos dan para moito, mesmo cando os revivimos unha e outra vez, como Bill Murray na película que todos coñecemos. A explosión dunha estrela nunca foi un evento tan interesante.

Famicom Detective Club

Dúas aventuras polo prezo de… dúas. Os títulos clásicos de NES chegarán por vez primeira a Europa a través desta revisión. Unha visual novel de manual, onde a charla e a investigación van da man. Estará en tendas o 14 de maio.

Samurai Warriors 5

Unha tapa de musou, que nunca vén mal. A saga de Koei Tecmo recibe unha nova entrega para a consola híbrida, o que segue facendo crecer o xénero do 1 contra 1000 en Occidente.

Legend of Mana

Con data para o 24 de xuño, calquera que así o queira poderá revivir unha das grandes aventuras de Square para PlayStation. Cun renovado aspecto visual e con diversas melloras na xogabilidade (as típicas nestes lanzamentos: maior velocidade, desactivar encontros aleatorios…) aparece un RPG clásico que busca chegar a unha nova xeración.

Monster Hunter Rise

Chega pronto. Moi pronto. O 26 de marzo Capcom publica unha nova entrega da súa afamada saga e sobran razóns para comprala. O novo tráiler móstranos imaxes, detalles da historia e deixa con ganas de máis.

Mario Golf Super Rush

Xogar ao golf como nunca o xogaches. O próximo 25 de xuño Nintendo quere convencer cun novo Mario Golf cargado de novidades e de aspecto, como mínimo, divertido. Haberá modo historia, varios tipos de multixogador… Parece de tolos, pero así debe ser.

No More Heroes 3

Suda na súa máxima gloria. Esa bendita tolemia que fixa a súa estrea para o 27 de agosto, momento no que recuperaremos o control de Travis e loitaremos cunha raza alieníxena.

Neon White

Esa mestura inestable entre shooter e xogo de cartas. Leva o selo de Annapurna Interactive, polo que xa parte do interese non razoable, senón interesante. Chegará a finais de ano. Conta coa nosa atención.

DC Super Hero Girls

As heroínas de DC recibirán un título enfocado para os máis pequenos da casa. Antes de rematar o curso escolar, o 4 de xuño, poderán repartir labazadas con varias opcións para facelo en compañía e en familia.

Miitopia

Volve Miitopia, o xogo de 2017, coa idea de recuperar os personaxes Mii e vivir aventuras co resto dos nosos amigos, sen a certeza de saber que vai ocorrer no camiño. Queda para o 21 de maio.

Animal Crossing | Super Mario

Unha boa colección de elementos da saga Super Mario Bros chegará a Animal Crossing New Horizons nunha semana, o 25 de febreiro, coa idea de adornar a nosa illa e convertela nun lugar máis do Reino Champiñón. Desde logo, o transporte en tubaxes semella un método de viaxe demasiada eficaz como para non implementalo.

Star Wars Hunters

Novo xogo de Star Wars, malia que non haxa máis información sobre este asunto. Será un shooter en terceira persoa, de balde.

Project Triangle Strategy

Unha das sorpresas da noite, que fixo aplaudir a calquera amante dos RPG e a estratexia. Firma Square Enix e bebe da fonte audiovisual de Octopath Traveller. Chegará no 2022, pero xa ten unha demo para a súa descarga.

World’s End Club

Outra tolemia narrativa na que asistimos á fin do mundo tal e como o coñecemos desde Xapón. O 28 de maio estará dispoñible.

Ninja Gaiden Collection

Outros clásicos revividos, aínda que de calidade irregular. Ninja Gaiden Sigma e Sigma 2 por unha banda, Ninja Gaiden 3 (inferior) por outra. Chegarán o 10 de xuño como unha colección inseparable.

The Legend of Zelda: Skyward Sword HD

Difícil. Non é o título de Zelda que máis seguidores ten, aínda que algúns si teña, e así celebraron con ansia a súa volta. Ora ben, quizais non era o grande anuncio sobre a franquía que o mundo agardaba, e até o seu produtor chanceou con iso. Chegará cos controis adaptados para Switch, (calquera das súas dúas versións). O 16 de xullo en tendas. O seu prezo, o seu gran inimigo: 60 euros.

Splatoon 3

O anuncio que salvou da fogueira a Nintendo a pasada noite. Splatoon 3 elévase como outra das grandes promesas para o futuro a medio prazo da consola, pero tardará en facelo: un ano, pois chegará no 2022. O seu adianto loce impresionante.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.