Actualidade Nintendo Direct :: Resumo da retransmisión sorpresa

Nintendo Direct :: Resumo da retransmisión sorpresa

Aínda hai tempo para as sorpresas. Nintendo realizou este mediodía unha retransmisión en directo, continuando a dinámica dos seus Nintendo Direct. Neste caso engadíronlle o concepto ‘mini’, malia que dure case 30 minutos. A empresa xaponesa simplemente quixo sinalar que todas as datas que aparecen no vídeo poderían cambiar por mor da eexpansión do COVID-19, pero polo momento son as que son. Novidades? Unhas cantas. Novos títulos? Tamén. A continuación, tes a retransmisión orixinal.

Xenoblade Chronicles: Definitive Edition colócase como unha das principais novas do día, sendo esta a nova versión do título lanzado en Wii hai uns anos, aínda que tamén contou cunha adaptación a Nintendo 3DS. Verá a luz o próximo 29 de maio e ofrecerá unha renovación máis que satisfactorio, tanto a nivel visual coma de xogabilidade.

Non só de obras concretas vai o asunt; Switch xa se fai con catálogos case enteiros dependendo da compañía. 2K Games comprometeuse a levar até a máquina híbrida dúas das súas franquías máis importantes: Bioshock e Borderlands. Tamén confirmou que poderemos xogar XCOM 2 na consola de Nintendo. Imprescindíbeis todos eles. A versión física do título de estratexia vén cun cartucho de 8 GB que inclúe dúas misións do xogo principal. O resto do contido debe ser descargado. O tamaño total non superará os 24 GB. Doutra banda BioShock: The Collection virá cun cartucho de 16 GB que inclúe os actos iniciais de BioShock Remastered, BioShock 2 Remastered e BioShock Infinite: The Complete Edition.

Os heroes de Marvel tamén contaron con representación neste Direct. Marvel Ultimate Alliance: The Black Order enfrontará no seu pase de expansión o Dr. Doom contra os Catro Fantásticos. Trátase do terceiro e último DLC… e xa está dispoñíbel.

Malia que non se poida gozar de Persona 5 en Nintendo Switch, os seus usuarios si terán acceso a un dos videoxogos da compañía Atlus, Catherine: Full Body. Unha obra de quebracabezas e aventura, cun elevado ton adulto onde o protagonista debe facer fronte aos seus demos (literalmente).

Tendo en conta o illamento global que se está a producir, era o intre idóneo para Nintendo lembrar a existencia de Ring Fit Adventure, un produto perfecto por parte da compañía xaponesa para manterse en forma e realizar diversos exercicios aeróbicos na casa. Anunciouse unha nova actualización que permitirá cambiar de idioma e elixir unha voz feminina para os comentarios. Tamén se engadiron cancións de Zelda, Super Mario Odyssey e Splatoon. É gratuíta e xa está dispoñíbel.

Outros dous títulos que se dan a man son Super Smash Bros. Ultimate e ARMS. O xogo de loita máis exitoso do mundo desvelou o primeiro dos loitadores do Fighters Pass Vol. 2. Será da casa, concretamente de ARMS, unha das marcas de Nintendo máis recentes. Os seus responsábeis piden paciencia, vendo os problemas laborais polos que atravesa o mundo, pero explican que seguen a traballar a un bo ritmo. Por certo, os usuarios de Nintendo Switch Online poderán xogar a ARMS gratis nas súas consolas.

Outro dos títulos que contou con protagonismo foi Bravely Default 2, que chegará á venda nalgún momento deste ano e que desde hoxe conta cunha proba de balde. Haberá que catala. Tamén houbo tempo para Pokémon Espada e Escudo, que volveron a ensinar detalles das súas dúas expansións. A Illa da Armadura, a primeira delas, situarase en pleno océano e nas rexións xeadas das Neves da Coroa. Que haberá de novo? Personaxes, Pokémon, dojos… e tamén o lendario Kubfu. A finais de xuño chegará.

Por último, comentar que Star Wars Jedi Academy publícase hoxe en Switch e PlayStation 4, pero tamén estará acompañado doutro clásico: Star Wars Racer. Non hai data específica, pero os seus responsábeis din que chegará máis pronto que tarde. Burnout Paradise Remastered tamén aterrará nalgún momento deste ano.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] se confirmou esta semana a posibilidade de xogar a demo de Bravely Default II durante o último Nintendo Direct. Unha oportunidadr única de ver como será a secuela directa da primeira entrega, baixo a batuta […]

  2. […] COVID-19 parece que tamén pode alterar os plans de Nintendo. Durante o último Nintendo Direct Mini, a compañía xaponesa mostrou datas orientativas para as súas obras como Bravely Default II, […]