Actualidade Nintendo Direct :: Switch é consola de pasado, presente e futuro

Nintendo Direct :: Switch é consola de pasado, presente e futuro

Eis a mensaxe que Nintendo quixo transmitir onte: Nintendo Switch é unha máquina 4×4, unha consola que mestura pasado, presente e futuro e unha das mellores opcións, mesmo xa cunha xeración nova funcionando, á hora de gozar cos videoxogos.

O Nintendo Direct de onte partiu dunha base confusa —as filtracións, sempre as filtracións—, mais cunha ilusión evidente por confirmar se Bayonetta 3 e Kirby e a Terra Esquecida farían acto de presenza. Fixérono. E podería ser suficiente. Un acto no que volve aparecer o xogo perdido de Platinum Games xa queda como un dos máis importantes do ano. Máis aínda se hai data, non exacta, pero si que apunta a 2022. Por fin.

Pero houbo máis. Sentoulle ben o verán á Gran N, que decidiu que xa era o intre adecuado para recuperar ese pasado con forma de número, de N64, e incluír varios títulos da vella máquina no seu catálogo de Nintendo Switch Online.  E nun xiro co que ninguén contaba tamén con obras de Mega Drive. Iso si, nesta ocasión, o acceso a estes xogos pasa por caixa e apertura de billeteira. Haberá que pagar un extra. Os de Nintendo non son parvos, que por algo cobran o The Legend of Zelda: Skyward Sword a 60 ouros.

A maiores do xa comentado, pois atención e interese en anuncios e olladas como Triangle Strategy, Castlevania Advance Collection, Disco Elysium, Voice of Cards, Metroid Dread, Splatoon 3, Deltarune ou a película de Super Mario con Chris Pratt.

A continuación tes unha escolma dos vídeos ou avances máis relevantes:

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.