Nintendo merca o estudio responsábel de Luigi’s Mansion 3
Logo das adquisicións e compras do 2020, chegan as do 2021, malia que para Nintendo, igual que para outras compañías, o ano fiscal comeza e acaba en marzo. A empresa da Gran N acaba de anunciar a compra de Next Level Games, estudio con sede en Vancouver, responsábel da creación de Super Mario Strikes e a súa continuación, ademais dun dos últimos exclusivos de Switch, o xenial Luigi’s Mansion 3.
Fundado no ano 2002, o estudio canadense foi un compañeiro de viaxe moi habitual para Nintendo ao longo de toda a súa vida, até o punto de anunciar en 2014 que ía traballar en exclusiva coa Gran N de aí en diante. Agora, tal e como informa o xornalista Gearoid Reidy de Bloomberg, a compañía de Kyoto oficializou nun comunicado a compra do estudio, polo que pasará a formar parte da familia Nintendo como unha empresa subsidiaria. A compra produciuse despois de que varios accionistas do estudo fixesen pública a idea de vender as súas accións.
A unión completarase de forma total o día 1 de marzo de 2021 se as autoridades canadenses dan o visto e prace.