Nintendo presenta Switch Lite, só portátil e máis pequena

Nintendo presenta Switch Lite, só portátil e máis pequena

Os rumores eran xa unha constante e había que acabar con eles. Nintendo Switch Lite será a nova consola portátil da gran N e chegará ás tendas o próximo 20 de setembro. Porá fin ao verán e verá a luz á vez que The Legend of Zelda: Link’ s Awakening.

Trátase dun dispositivo deseñado para xogar a todos os títulos da Nintendo Switch orixinal, pero só en modo portátil. Estará dispoñible en tres cores diferentes: amarela, gris e turquesa. Tamén estará dispoñible un set cunha funda e un protector de pantalla. Queres ver como loce? A continuación podes ver o seu vídeo oficial.

Nintendo Switch converteuse no buque insignia da compañía xaponesa. Saíu á venda en marzo de 2017 e non parou de medrar e adquirir o beneplácito da comunidade de xogadores. A súa revolucionaria proposta, dacabalo entre consola de sobremesa e portátil foi aplaudida mesmo pola competencia. Nintendo Switch Lite preséntase como unha máquina máis simple en aparencia, cos controis integrados e un chisco máis pequena —aínda que co mesmo peso— que a Switch orixinal. Non se poderá conectar á televisión, polo que carecerá de base nin cable HDMI.

Aspecto da edición limitada de Nintendo Switch Lite inspirada en Pokémon Escudo e Espada.

Coa nova máquina poderás xogar a todos os títulos do extenso catálogo de Nintendo Switch que sexan compatibles co modo portátil, aínda que algunhas obras terán certas restricións. O reverso das caixas dos xogos, así como a información de produtos recollida no sitio web oficial de Nintendo, ofrecen información sobre as funcións incluídas e os modos que son compatibles con determinados xogos.

Ademais das tres cores nas que estará dispoñible Nintendo Switch Lite o día do lanzamento, Nintendo tamén sacará Nintendo Switch Lite edición Zacian e Zamazenta a partires do 8 de novembro, que inclúe botóns de cores especiais, así como ilustracións dos dous Pokémon lendarios dos xogos Pokémon Espada e Pokémon Escudo. Por suposto, todas as funcións do servizo en liña de Nintendo serán compatibles con Lite, igual que os servizos multixogador. Será posible conectar até oito consolas para partidas cooperativas, sexan locais ou en liña. Ora ben, a máquina non inclúe conectividade 4G; a conexión a Internet é unicamente Wi-fi.

O prezo de Nintendo Switch Lite será, polo menos no mercado norteamericano, de 199 dólares. Polo momento, non hai información oficial sobre o seu prezo en Europa. Na seguinte imaxe podes atopar todas as características da nova máquina e a súa respectiva comparación coa Switch orixinal. Podes pinchar nela para ampliala.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • gameplay en galego
    • En: 11 de Xullo de 2019

    creo que está enfocado a os máis cativos

  1. […] do anuncio do novo modelo Lite, Nintendo tamén quixo deixar caer unha notábel modificación para a consola orixinal a través da […]