Nintendo presenta o seu novo modelo de Switch con pantalla OLED

Nintendo presenta o seu novo modelo de Switch con pantalla OLED

Demasiados meses de rumores, demasiados anuncios que non foron. Nintendo fixo público, este martes 6 de xuño, o seu novo modelo de Switch. Non, non é a famosa Switch Pro, senón a Switch OLED. O nome oficial da consola destaca a característica máis importante do novo modelo, unha pantalla OLED de 7 polgadas —o modelo clásico conta cunha de 6,2—, e tamén contará cuns altofalantes integrados mellorados, 64 GB de almacenamento interno e conexión ethernet no dock. O 8 de outubro, por 350 euros —uns 25 euros máis que a actual— poderás mercala.

Desde a web oficial da Gran N explícase que poderemos observar cores máis intensas, contrastes máis altos e unha experiencia, en xeral, mellorada no que ocorra entre ollos e pantalla. Iso si, e isto é importante: ningunha das características novas mellorará a xogabilidade,  a potencia gráfica ou o rendemento como tal da consola. Por suposto, todos os xogos publicados até o de agora serán compatibles co novo modelo.

As resolucións máximas son 1080p a través do dock e 720p en portátil, esquecendo e gardando no caixón o salto a 4K para a marca xaponesa. A batería, doutra banda, tampouco se verá ampliada. Destaca, iso si, o apoio /soporte de mediano tamaño que agora teremos na parte traseira, ideal para xogar durante viaxes ou outros espazos. Aterrará nas tendas ao mesmo tempo que Metroid Dread, en dous modelos diferentes: un co dock e os Joy-Con brancos e o outro co dock negro e os Joy-Con vermello e azul. A continuación podes vela:

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados