Nintendo presenta Pac-Man 99 dentro do servizo en liña de Switch
Calma. Tranquilidade. Si, é real. Pac-Man terá un battle royale de seu. Seguindo o ronsel de Tetris ou de Mario, Nintendo publicou hai escasas horas un vídeo no que ensinan a proposta de Pac-Man 99, un novo battle royale para a súa consola híbrida. Baseado na franquía de Bandai Namco, o título estará incluído dentro do servizio Nintendo Switch Online. Cando? Xa.
A partir deste mércores, 7 de abril, calquera subscritor do servizo en liña poderá demostrar a súa pericia co personaxe amarelo e redondo come bólas. O novo xogo chega para celebrar o 40 aniversario da obra orixinal. Por suposto, incluirá algunhas novidades, como as oito estratexias posibles para derrotar aos rivais, xa que como bo battle royale, aquí só pode haber un gañador.
«Come un Power Pellets para converter os pantasmas en azuis e facelos vulnerables. Cómeos para enviarlles Jammer Pac-Man aos teus opoñentes! Cantos máis pantasmas comas, máis Jammers enviarás!», reza a descrición da páxina oficial. Tal e como podemos ver no tráiler, os trens pantasma darannos diferentes tipos de bonus, o que combinado cos aceleróns e as outras estratexias teñen como obxectivo facer o xogo variado e impredicible.
Amais de gozar do xogo a través de Nintendo Switch Online teremos a opción de personalizalo con 20 temas descargables baseados en Xevious, Galaga ou Dig Dug, xunto con outros clásicos. Estes temas non só cambiarán a interface da obra, senón que tamén modifican os sons durante xogo.