Nintendo presente Nintendo Pictures, o seu novo estudio de animación
Nintendo Pictures é o nome do novo estudio de animación que acaba de presentar Nintendo trala compra de Dynamo Pictures. O fin deste novo departamento dentro da empresa será «o desenvolvemento de contido visual utilizando a propiedade intelectual de Nintendo».
Para esta presentación á compañía da Gran N lanzou unha nova páxina web —está en xaponés—, mais segundo nos indican os nosos tradutores, ofrece algúns datos de interese, como o número de empregados que terá —105— ou o seu capital financeiro, que rondará os 34,5 millóns de iens. Tamén andan na procura de persoal.
«A través dos nosos vídeos, pretendemos dar a coñecer os personaxes de Nintendo a clientes de todo o mundo e crear vídeos únicos que permanezan na súa memoria para sempre», expresa o comunicado na web. «Para iso, todos e cada un dos nosos empregados esforzaranse por crear unha organización que poida seguir crecendo, tendo sempre en conta o que podería ser interesante para os clientes de todo o mundo, e dedicándose a un traballo de produción co que eles mesmos gocen. Seguiremos asumindo o reto de ofrecer imaxes únicas e sorprendentes a clientes de todo o mundo, transcendendo xeracións e épocas».
Antes de ser adquirido por Nintendo, Studio Dynamo traballou en diversas obras, como Ice, Aya and the Witch ou a segunda tempada de Ghost in the Shell de Netflix. É certo que non só estaban en terreo televisivo ou cinematográfico, xa que traballaron en títulos como Final Fantasy XIII-2 ou na captura de movemento para Monster Hunter World, Death Stranding ou NieR Replicant —que non é mal currículo—.