Actualidade Nintendo reparará de balde os Joy-Con defectuosos e devolverá os cartos de reparacións pasadas

Nintendo reparará de balde os Joy-Con defectuosos e devolverá os cartos de reparacións pasadas

Após a repercusión da demanda presentada contra Nintendo en Estados Unidos e o intento de defensa da compañía, semella que a a empresa xaponesa quere tratar de facer as cousas un chisco mellor. Segundo a publicación VICE, Nintendo publicou un documento interno con novas instruccións que fixan a reparación gratuíta dos Joy-Con, sen necesidade de probas de compra e mesmo fóra do período de garantía.

A cousa non remataría aí. A compañía da gran N tamén estaría disposta a devolver os cartos aos usuarios que pagaran polas reparacións previas. Esta era unha operación cun custo próximo aos 40 euros, sen gastos de envío.

«Xa non será necesario pedir aos clientes proba de compra para as reparacións dos Joy-Con», reza a circular interna. «Ademais, non é preciso confirmar o estado da garantía. Se un cliente pide un reembolso polo pago dunha reparación dos Joy-Con, confirmarase a reparación previa e emitirase un reembolso».

Polo momento, a medida só se poñerá en práctica en Estados Unidos. Cómpre pensar que co tempo tamén se aplicará en Europa.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.