Actualidade Nintendo Switch continúa sendo a consola máis vendida do ano

Nintendo Switch continúa sendo a consola máis vendida do ano

Nintendo Switch continúa o seu paseo triunfal por este 2019. A consola híbrida logrou colocarse como a máis vendida deste principio de ano, superando a PlayStation 4 e Xbox One, en Estados Unidos. É certo que, segundo os datos ofrecidos por NPD Group, a venda xeral de hardware caeu un 13 % en comparación ao do ano pasado se falamos de ingresos totais.

Curiosamente, Switch non lidera as vendas de accesorios derivados, onde o DualShock 4, o controlador de Sony, mantense firme. É algo importante. Este tipo de elementos son os produtos máis rendibles para as compañías tecnolóxicas debido a que a súa produción é relativamente barata, deixando unha marxe de beneficio enorme en comparación a unha consola, por exemplo. Véndense menos consolas? Si, pero máis mandos, tarxetas ou auriculares.

Tal como está programado, a finais de abril, Sony e Nintendo farán públicos os resultados financeiros deste primeiro trimestre do 2019. Non se agardan grandes sorpresas, máis aínda cando a xeración parece estar exhalando os seus últimos suspiros.

Unha nova versión de Switch no verán?

Dun tempo a esta parte, os rumores sobre unha posible nova versión de Switch foron unha constante no mural dos rumores. Ben é certo que non hai acordo á hora de sinalar se será un modelo máis pequeno (mini), máis potente (pro) ou unha renovación. Por suposto, a pesares da presión de medios internacionais como Bloomberg, Nintendo fai oídos xordos.

Abonda un pouco de coñecemento sobre o mercado tecnolóxico para sabermos que o anuncio dun novo modelo atenta directamente contra as vendas do modelo actual. Vendo as cifras que está a recadar a máquina híbrida, sería pegarse un tiro no pé, por parte da compañía da Gran N, anunciar a intención de sacar un novo modelo este ano.

Medios como Nikkei apuntan ao novo hardware no outono, mentres que na xa citada web de Bloomberg apostan polo mes de xuño. As súas fontes comentan a existencia de plans de lanzamento para unha Nintendo Switch máis barata e dunha actualización para mellorar a consola actual.

Nintendo Switch ten un prezo actual no mercado próximo aos 300 euros.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.