Actualidade Nintendo Switch Lite xa está nas tendas

Nintendo Switch Lite xa está nas tendas

A nova máquina de Nintendo chegou, é xa unha realidade para todo aquel que dispoña de preto de 220 euros —prezo aproximado—. Switch Lite entra en escena como un modelo máis económico que a súa irmá maior e destinada ao uso portátil en exclusiva.

Non trae conexión HDMI para o televisor, non integra os Joy-Con e tampouco posúe características como a vibración HD. Porén, si posúe outras características centrais da familia Switch, como a pantalla multitáctil ou o sensor xiroscópico.

O seu anuncio causou un equilibrado número de reaccións, algunhas positivas, outras negativas; pero como con cada comunicado que realiza a compañía da gran N, non deixou indiferente a ninguén. A día de hoxe, semella que esta máquina é o actualcomo camiño portátil de Nintendo, após dar por finalizada a traxectoria vital de 3DS.

Lite é unha consola que quere achegar o catálogo de Switch a todo tipo de público, agora que este medrou de xeito drásticoa. A súa estrea prodúcese o mesmo día que a revisión de The Legend of Zelda: Link’s Awakening chega ás tendas. Non é casualidade, se non a escusa perfecta para que os seareiros da franquía que non caesen con Breath of the Wild, queiran facelo agora.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.