Actualidade Nintendo Switch Online acada os 10 millóns de subscritores

Nintendo Switch Online acada os 10 millóns de subscritores

O servizo en liña de Nintendo Switch xa conta con máis de 10 millóns de usuarios activos. Así o confirmou a compañía da gran N, a través dun informe oficial publicado este martes, despois da 79ª Xunta Xeral de Accionistas. Até hoxe, vendéronse algo máis de 34 millóns de unidades da consola híbrida en todo o mundo, o que daría como resultado a posibilidade de afirmar de que un terzo dos xogadores de Switch fai uso deste servizo.

«A cantidade de subscritores de Nintendo Switch Online aumentou de maneira constante desde que se lanzou o servizo en setembro pasado, e agora superou os 10 millóns de contas», comenta o presidente da compañía xaponesa, Shuntaro Furukawa, no informe. «É importante ter en conta que este número foi en aumento desde abril, e o número incrementouse lixeiramente até o total actual desde aquel momento».

Durante a quenda de preguntas e respostas por parte dos accionistas, foron varios os temas tratados, aínda que se podería destacar o referido aos plans de futuro da compañía, e máis concretamente ao do servizo de Nintendo Switch Online. O presidente confía en que poderán manter o seu atractivo para os usuarios xa subscritos e que está nas súas mans lograr facelo máis atraente para os que aínda non se decidiron a dar o paso de adquirilo.

Switch vendeu máis de 34 millóns de unidades.

Outra das cuestións aparecidas no informe fai referencia á existencia ou o desenvolvemento dunha nova versión da máquina actual. «Aínda que sabemos que houbo cobertura sobre tal asunto, non podemos facer comentarios con respecto a especulacións e rumores sobre novo hardware ou software. Estragaríase a sorpresa para os consumidores e estaría en contra dos intereses dos nosos accionistas, polo que estamos a reter calquera discusión. Estamos a desenvolver constantemente novo hardware e novo software. Avisaremos tan pronto como haxa algo listo para ser anunciado», respondeu Furukawa.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.