Nintendo Switch Online amplia o seu catálogo de NES e SNES con novos títulos en maio
Un dos incentivos para subscribirse a Nintendo Switch Online é o acceso ao amplo catálogo de Super Nintendo e NES, onde podemos rememorar e descubrir grandes clásicos do pasado. Agora, catro novos títulos únense a este repertorio. Wild Guns, Operation Logic Bomb, Panel de Pon e Rygar son os xogos que chegarán ao servizo o vindeiro 20 de maio, có que a biblioteca retro da consola xa contará con 82 obras.
En Wild Guns estaremos aos mandos dun western de disparos, no que teremos que acabar con robots mafiosos xunto con outro xogador. Doutra banda, Operation Logic Bomb trasládanos a un shooter de acción, mentres que en Panel de Pon os quebracabezas e a estratexia serán os protagonistas nun xogo que non saíra de territorio xaponés até o de agora. O cuarteto de xogos péchase co título de NES Rygar, que se trata dunha mestura entre acción e aventuras onde os elementos de RPG e plataformas danse a man.