Actualidade Switch rexistra en novembro a súa mellor semana de vendas en Europa desde o lanzamento

Switch rexistra en novembro a súa mellor semana de vendas en Europa desde o lanzamento

Semella que a Nintendo Switch seguirá a ser un dos agasallos estrela deste Nadal. A consola híbrida rexistrou en novembro a súa mellor semana de vendas no vello continente desde o seu lanzamento en marzo de 2017.

Este feito foi anunciado pola propia Nintendo, que obtivo unha nova marca de vendas case cinco anos despois da saída da súa máquina en territorio eurpeo. A métrica inclúe as vendas da Unión Europea e de Reino Unido, porén, non ofrece detalles precisos ou concretos.

Sexa como for, segundo a información da marca xaponesa en realidade bateron dúas veces esa marca de vendas: primeiro a semana do 15 ao 21 de novembro e de novo volvérona superar na semana do 22 ao 28 de novembro. A marca anterior estaba en novembro de 2019.

Todo indica que Switch continúa a ser unha das consolas do momento, unha das máquinas máis solicitadas —en calquera dos seus modelos— e máis xogadas pola comunidade. Ademais, lanzamentos recentes como Pokémon Diamante Brillante e Perla Relucente dan boa conta diso; os dous títulos venderon máis de seis millóns de copias na súa primeira semana en tendas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.