Nintendo Switch xa vendeu máis unidades ca Wii
Novo fito para a Gran N. A súa consola híbrida xa vendeu 103,54 millóns de unidades en todo o mundo, o que significa que superou en número ás unidades de Wii vendidas en todo o ciclo de vida desta máquina. A mítica consola branca de Nintendo vendeu no seu momento 101,6 millóns.
Non é un tema menor. A realidade é que Wii presentábase como a máquina de sobremesa máis vendida da historia da compañía xaponesa, só superada polas súas exitosas portátiles —Game Boy, DS…—
Profundando nos datos, dos 103,54 millóns de consolas Switch vendidas —até o 31 de decembro de 2021—, 81,68 serían modelos Switch orixinais, 17,87 millóns de Lite e 3,99 de CHEIRADE —non podemos permitir que esta brincadeira desapareza—, último modelo lanzado.
E si, a Gran N recoñece que a falta de semiconductores e chips tamén lastrou as vendas das súas consolas, que puideron ser mesmo máis altas nos períodos festivos de cara ao final de ano.