Nioh 2 amosa a súa historia a través dun novo tráiler
Xapón, 1555. O caos alcanza a nación na secuencia dunha interminábel e brutal guerra e da invasión de grotescos e impiedosos demos. Esta é a premisa coa que chegará Nioh 2, o próximo título de Team Ninja, o 13 de marzo a PS4 de forma exclusiva temporal. Após o gran éxito cultivado pola primeira parte da franquía, o estudio decidiu apostar por continuar a liña que marcou o primeiro título, inspirándose principalmente na saga Soulsborne.
Nesta ocasión, o equipo vén de publicar un novo tráiler no que podemos ver algúns dos aspectos mais interesantes que compoñerán a trama de Nioh 2. Actuando como unha precuela da primeira entrega, «unha traxedia fai que o protagonista perda o control dos seus poderes Yokai. Por sorte, todo ten solución grazas a unhas estrañas pedras espirituais, que poden axudar o seu portador para comunicarse cos espíritos Yokai», explicou Tom Lee, director creativo de Team Ninja.
O estudio quixo distanciarse do temor ante un posíbel atraso, achegando maior información aos seguidores e así acougar os ánimos. Despois da a chegada do xogo, Nioh 2 contará con 3 entregas de contido descargábel cada un coa súa propia historia previa aos acontecementos de a trama principal, có que teremos moitas horas de xogo por diante.