Nioh 2 comeza coa súa alpha a porta pechada

Despois de Sekiro: Shadows Die Twice moitos pode que sintan un baleiro nos seus corazóns. Non é problema, pois no horizonte hai outro título onde a dificultade, as katanas e os kanjis estarán á orde do día. Team Ninja acaba de anunciar que comezan coa alpha pechada de Nioh 2, unha das continuacións máis interesantes que hai sobre a mesa de futuros lanzamentos.
A través da súa conta oficial de Twitter, o estudio confirmou o inicio desta sesión de proba, que será exclusiva para un pequeno grupo de usuarios de PlayStation 4 entre os días 24 de maio e 2 de xuño. Buscan opinións, erros e comentarios chegados dende os propios xogadores para puír o seu proxecto.
O anuncio veu acompañado dun vídeo no que podemos ver o aspecto do xogo, os seus combates e coñecer algúns dos seus inimigos. Semella que manterá a súa xogabilidade frenética ante criaturas místicas, capaces de esnaquizarnos cun só ataque. No comunicado oficial tamén se indica que non hai plans de expandir este período de proba máis aló do indicado, aínda que convida aos usuarios a estar atentos ás contas de Team Ninja e PlayStation, por se xurdise algún cambio nese sentido.
Por se xorde a dúbida, aínda non existe unha data de lanzamento para Nioh 2, aínda que o calendario está a cumprirse á perfección, porque a compañía asegurou en Nadal que antes de mediados de 2019 teriamos nova información sobre el. Así foi.