Nohzdyve, o xogo de Black Mirror: Bandersnatch ao que si podes xogar
É probable que estes días vaias escoitar ou falar da nova película de Netflix para o universo de Black Mirror, Bandersnatch. Trátase dunha cinta interactiva na que o espectador pode elixir que acción vai realizar o seu protagonista. Soa a aventura gráfica? Soa, máis aínda cando a obra é en si mesma unha especie de homenaxe á cultura do videoxogo durante os anos oitenta e a era de 8 bits. De maneira moi resumida, o argumento da película vira contorna á creación dun videoxogo chamado Bandersnatch por parte dun mozo creador.
A cousa é que Netflix quixo facerlle aos espectadores un pequeno agasallo, e é que un dos títulos que aparecen no filme tamén pode ser gozado na vida real. Chámase Nohzdyve e a súa proposta de xogabilidade é a mesma que a do proxecto ficticio que vemos en pantalla: manexar un personaxe en caída libre mentres evitamos obstáculos e colleitamos outros obxectos.
Como e onde se descarga? Nun dos finais posibles da produción interactiva pódese escoitar o clásico son de carga dos computadores que usaban casetes, coma o ZX Spectrum, por exemplo. Ese código informático esconde unha clave para chegar á web de Tuckersoft Gamess, a compañía ficticia de videoxogos que aparece na película.
Na devandita páxina é posible descargar o arquivo de Nohzdyve, creado en Bandersnatch por Colin Ritman. Iso si, para xogalo debes executar o arquivo nun ZX Spectrum real (se pasas o audio a un casete). Si, claro, tamén podes usar algún emulador da veterana máquina de entretemento, aínda que a primeira opción ten a súa aquel, non?