Non haberá novidades públicas de Final Fantasy XVI até primavera do ano que vén
Naoki Yoshida, produtor da saga Final Fantasy, fixo público un comunicado a través da conta oficial de Twitter de Final Fantasy XVI no que explica que non haberá noticias nin imaxes novas do título até, polo menos, o ano que vén.
«Prometera máis información sobre Final Fantasy XVI a finais de 2021. No entanto, lamento informarvos de que non poderei cumprir esa promesa por mor das complicacións que xurdiron por mor da pandemia da Covid-19, que atrasaron o desenvolvemento do xogo ao menos medio ano», reza a mensaxe. De novo, a crise sanitaria lastra o desenvolvemento dunha obra.
A message from Final Fantasy XVI producer Naoki Yoshida. #FF16 #FFXVI pic.twitter.com/qtfJUUp6LA
— FINAL FANTASY XVI (@finalfantasyxvi) December 27, 2021
Square Enix pasou boa parte do ano 2021 tentando convivir coa Covid-19 e o seu traslado ao mundo laboral, mais semella que a compañía non atopou o equilibrio que permita un desenvolvemento de proxecto ao mesmo nivel que antes da pandemia. Na primavera, en principio, debería haber novidades.
Final Fantasy XVI será a seguinte entrega da lendaria saga de JRPG creada por Square Enix. Estará dirixida por Hiroshi Takai e Naoki Yoshida —que tamén dirixe o exitoso Final Fantasy XIV— e será exclusiva, polo menos por un tempo e para consolas, de PlayStation 5.