Reportaxes Non vale furar :: Cancións para unha tarde de fútbol

Non vale furar :: Cancións para unha tarde de fútbol

Ter unha consola foi durante anos un sinónimo obvio, na maioría de casos, de estar en posesión dalgún simulador de fútbol tamén na casa. Por iso do que puidese pasar, polos invitados que puidesen aparecer. Aínda que un non xogue só, ter un título desta clase é case un imprescindíbel. Seguindo a fórmula do evidente, non só de Electronic Arts vive o home, nin sequera do seu EA Sports It’s in a game. Konami e os seus Pro Evolution tamén tiveron sobre a súa cabeza a coroa de ser a saga por excelencia á hora de coller o mando para dar patadas a un balón. As expresións «botar un FIFA» ou «botar un Pro» son hoxe unha construción sintáctica xenuína e propia para toda unha xeración. Ben é certo que agora só se erixe un emperador en forma de sigla.

Para moitos, a franquía de EA é unha constante vital ao longo dos anos. Mesmo poder ser o único título que adquiren certos xogadores ao longo de todo un ano. É o seu xogo. Dalgún xeito, FIFA tamén funciona como un curioso conector con outra industria cultural: a musical. Unha relación amorosa que chegou a ser un auténtico trampolín para o recoñecemento popular dos grupos que soaban nos menús do xogo.

Musicalmente falando, todo comezou con FIFA 98: Rumbo ao Mundial. Estreado en Occidente o 1 de novembro de 1997, converteuse rapidamente nun éxito global. Era a quinta entrega dunha franquía que ameazaba con dominar o xénero deportivo. Foi publicada en sete plataformas distintas e é, por méritos propios, un dos títulos máis importantes na historia familiar de EA. Traía novo motor gráfico, a inclusión de opcións tácticas, editores, estadios reais funcionando como escenarios, a posibilidade de xogar o Mundial do 98 e, como non, o esquecido e amado a partes iguais modo fútbol sala. Había algo máis. Incluía, por primeira vez, unha banda sonora oficial. Ollo, falamos de cancións externas á compañía, creadas por artistas independentes cos seus propios fins.

Seis cancións que abriron unha nova veda comercial dentro da industria do entretemento. Pode un videoxogo facer famosa unha canción? Pode, pero parece que non nun primeiro plano, senón nun máis interno e persoal. Reflexións aparte, ao longo dos seguintes parágrafos son seleccionadas algunhas das composicións máis rechamantes da franquía FIFA. Para unha comodidade maior, a maioría foron engadidas e compiladas na seguinte lista de Spotify.

Blur – Song 2 (FIFA 98)

Indiscutible aparición nun percorrido cronolóxico. Se de videoxogos falamos, Song 2 tamén soou en Saints Row IV, Guitar Hero 5, RocksmithLego Rock Band, a versión PAL de Band Hero de Nintendo DS, e nun DLC de Just Dance 2. Pero aquí a cousa vai de fútbol, e para unha enorme cantidade de xogadores a canción do mítico «Woo-hoo!» converteuse nun clásico instantáneo que puido abrir portas cara un descubrimento musical. Curiosamente, no seu día a fusión do xogo coa canción non lle outorgou demasiados beneficios a Blur. A banda británica sacara a canción en abril do mesmo ano e nunca chegou ao famoso Hot 100 de Billboard. Si entrou no top 40 de cancións alternativas de Billboard, lugar no que permaneceu unhas cantas semanas.

Vaia, que Blur non notou ningún empuxón comercial grazas á súa participación en FIFA 98 sete meses despois, aínda que si recibiu un apoio xeracional que se foi facendo visible co paso dos anos. As vendas quizais non acompañaron ou non chegaron, pero é evidente que os xogadores dos 90 asociaron xogo e canción e continúan a facelo hoxe en día. Os nenos de onte son os seguidores de agora. O imaxinario colectivo pode chegar a pesar máis que as cifras.

Fatboy Slim – The Rockafeller Skank (FIFA 99)

O seguinte FIFA chegou ás nosas terras con Morientes vestindo a camiseta da selección na portada. A canción de Fatboy Slim sitúase como outro clásico dentro da franquía e permitiu un achegamento á música electrónica e o trip hop da época. De novo, con acento británico, a canción facía a súa aparición mentres navegabamos polos menús interactivos.

Igual que pasou con Song 2, non se podería establecer unha conexión entre o éxito do tema e o formar parte da banda sonora do título, máis que nada porque a canción xa triunfara nas listas con anterioridade. Outra das seis cancións que formaron parte de FIFA 99, foi Gotta Learn, de Danmass, aposta pola escena underground do momento.

Apollo 440 – Stop the Rock (FIFA 2000)

Nas portas do novo milenio, EA Sports continuaba apostando por cancións con certo corte electrónico dentro das súas bandas sonoras. Para Apollo 440, Stop the Rock supuxo o seu salto á fama e a súa consolidación internacional grazas ao disco Gettin’ High on Your Own Supply. Non, non é que se pareza a Caroline de Status Quo, é que bebe directamente dela. Agora ben, aínda que aquí mandou o gusto persoal, a canción oficial de FIFA 2000 era outra.

It’s Only Us foi creada por Robbie Williams específicamente para ser a cabeceira como tal do xogo. Lanzouse ao mercado dúas semanas despuois de que chegase o título que a incluía e, por primeira vez, si se podía falar dun éxito conxunto. Despois de todo, a canción vía a luz grazas a EA Sports. Chegou a ocupar o puesto número 1 das listas británicas (Williams xogaba en casa) e resistiu vinte semanas na táboa.

FIFA 2000 foi un xogo, dalgún xeito, capital para a compañía. O fenómeno dos simuladores de fútbol comezaba a antollarse e na medida que os rapaces medraban, usuarios e mercado no facían máis que aumentar. A posibilidade de xogar en compañía convertía a todos os FIFA nunha opción perfecta para ter en casa e provocar piques antolóxicos. Para boa parte dunha xeración, a adolescencia xirou ao redor de partidos e latas de cervexa mentres soñaba con arrasar o barrio despois de apagar a consola.

Moby – Bodyrock (FIFA 2001)

Outra canción que seguramente identifiques co son FIFA (ao escoitar a cadencia e o ritmo das cancións apréciase un patrón case obvio durante os seus primeiros anos). A día de hoxe o nome de Moby é (debería ser) coñecido por un público amplo, á marxe de estilos ou etiquetas. A súa capacidade para mesturar ritmos electrónicos co rock ou o pop valéronlle máis dunha alegría, unha carreira. O seu disco Play, de 1999, abriulle as portas ao éxito e a súa presenza en FIFA 2001 configurábase como a ideal: un artista con proxección, rítmico e relativamente novo. Bodyrock funcionou á perfección. Logo, éxitos como Porcelain, e a súa aparición na película A Praia, o catapultaron definitivamente. Na península, tamén se lle ten especial agarimo por certa cortina de TVE na que soaba de fondo.

Se quedas con máis gana de FIFA 2001, podes pór Chinese Burn, de Curve. Outro golpe na mesa por parte de EA por facer da música electrónica de principios do milenio o seu sinal de identidade. O mesmo para Fly Away de The Source.

Gorillaz – 19-2000 (Soulchild Remix) (FIFA 2002)

Máis cancións, máis rexistros, máis goles. O fenómeno FIFA era verídico e de seis ou oito cancións por banda sonora pasouse a trece, case o dobre. Apenas dous anos despois, a aposta dobraríase de novo, pero iso é outro cantar. Gorillaz, a banda virtual de Damon Albarn (Blur) e o artista Jamie Hewlett aparecera uns anos atrás como presaxio dos novos tempos. Podería adorar o mundo a unha banda virtual? Serían nalgún momento todas os grupos así? O século XXI prometía moito, pero finalmente eliximos mirar máis horas a pantalla do teléfono móbil e poñernos a caer dun burro en redes sociais.

19-2000 (Soulchid Remix) gozou dun relativo éxito internacional, sen esquecer a súa versión orixinal, máis lixeira. Que dúbida cabe na súa relación con FIFA 2002, sendo un himno altamente recoñecíbel para todo aquel que caese no vicio do fútbol virtual. A maior cantidade de cancións permitiu compartir protagonismo aos artistas, uns máis coñecidos, outros menos. Aquí figuraban Tiësto co seu Flight 643, Vitae con Energy Flow ou Tenshi e o seu  Gouryella. Exacto, non se parece en nada ás bandas sonoras actuais. Lembra que pasaron 17 aniños. Choremos.

Safri Duo – Played-A-Live (The Bongo Song) (FIFA 2003)

O dito, cancións directas a nosa máis tenra infancia ou adolescencia. A intro de Safri Duo e o seu tribalismo electrónico podería optar a un serio recoñecemento como patrimonio da humanidade. Vendeu 1,5 millóns de copias en todo o mundo. Cifra imposible hoxe en día. Pouco máis que engadir.

FIFA 2003 estreaba tamén o seu aclamado Freestyle Control que permitía uns movementos máis suaves e acordes coa situación de xogo, e algunha que outra filigrana. E si, máis cancións. Hei de dicir que me custou non elixila como principal, para este breve apartado, pero non por iso deberíaselle restar importancia á que entón era unha auténtica eminencia entre a mocidade. Avril Lavigne deixouse caer na franquía de EA Sports cun remix de Complicated, a súa máis que coñecida balada. Seguía, iso si, habendo oco para a música electrónica de Antiloop, ou D.O.G. Tamén facía acto de presenza o R&B de Ms. Dynamite.

Tribalistas – Já sei namorar (FIFA 2004)

Presumamos de lusofonía. Tribalistas, o trío musical formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e  Carlinhos Brown sempre foi un agradable bálsamo contra o mal tempo. A súa presenza en FIFA 2004 tamén se pode entender como unha apertura da propia compañía á chegada de novos estilos e linguas. A estas alturas, todo fogar tiña un título de EA Sports na súa casa e moi probablemente unha PlayStation 2. A nova entrega incluía ata 30 cancións distintas.

Así, a banda sonora do universo FIFA gaña en cor e comeza a funcionar como un fenomenal mosaico cultural. Hai de todo, dende o rock mexicano de Café Tacvba á distorsión de The Dandy Warhols, o ritmo saltarín de Babamania ou a fama de King of Leon. E, si, The Jam, Radiohead, Kasabian… Destacar, por que non, esa fantástica introdución de teclado de Jerk it Out, interpretada por Caesars Palace (logo só Caesars). Moito e moi FIFA.

Sôber – Cientos de preguntas (FIFA 2005)

Un FIFA especial para a Boa Vila e Pasarón. O ascenso a Segunda División por parte do Pontevedra CF permitiulle engrosar as filas dos centos de equipos que posuía esta nova entrega grazas á enorme cantidade de licenzas que ocultaba baixo o seu paraugas. O modo Carreira permitía levar á gloria a calquera equipo das primeiras divisións do mundo.

Fóra das anécdotas futbolísticas absolutamente reducidas aos que viven á beira do río Lérez, por primeira vez na historia figuraban artistas españois na banda sonora dun título da franquía de simuladores. Sôber e La Mala Rodríguez tiveron a honra. Outro exemplo da apertura musical dentro do xogo. Dunha banda Centos de preguntas, doutra  Jugadoras, Jugadores. E si, Vive la vida de Gusanito, por se pensabas que a deixabamos no baúl do esquecemento.

De todo para todo o mundo. Apertando o joystick dereito podías ir pasando as cancións ata dar coa túa favorita, indispensable para quentar antes dun encontro. A lista é grande, case 40 cancións. A súa vixencia no imaxinario colectivo é tan evidente que abonda con pasearse polos comentarios de YouTube para comprobar cal é o primeiro comentario en moitas delas: « Fifa 05? Anyone?»

Agora ben, o reinado de Pro Evolution Soccer era moi evidente e a remontada de EA Sports faríase de rogar ata o 2009. A primeira década do século XXI e o seu fútbol virtual foi de Konami. Aínda que as cancións sobrevivisen, a maioría destes FIFA si caeron nun esquecemento incómodo para a compañía californiana.

Jamiroquai – Feels Just Like It Should (FIFA 06)

De novo, unha lista de corenta cancións. Lonxe quedan xa as eleccións de música electrónica ou alternativa, deixando paso a un pop máis accesible. Había algunha sorpresa, pero na súa maioría custa atopar himnos á altura dos que foron aparecendo ata agora. Jamiroquai sitúase como o nome propio máis reconocible grazas ao seu Feels Just Like It Should, número 8 nas listas de éxitos británicas, recordatorio da boa relación que a franquía tivo cos artistas ingleses.

Lócense tamén The Film, Mando Diado, Oasis… e hai aroma de rumba grazas aos The Gipsys. Por certo, borrábanse oficialmente os dous primeros números do nome e quedaba a fórmula abreviada que aínda hoxe procede.

Muse – Supermassive Black Hole (FIFA 07)

Días felices para Matt Bellamy, que hai nada podía gozar por fin da fotografía dun buraco negro cos seus propios ollos. Deixando atrás o ecuador da primeira década do milenio, Muse achábanse nun estado de forma envexable por calquera banda do mundo. Alzáronse como unha das novas formacións de rock e aí quedaron. Aquel Black Holes and Revelations do 2006 abriulles as portas do Olimpo e non quixeron abandonalo, nin sequera ante a aparente falta de ideas ou, máis ben, acerto á hora de continuar a súa discografía estes últimos tempos.

De novo, un bo puñazo de cancións que se orientan ao rock e o pop alternativo do momento, anticipando un auxe que se mantería durante os anos seguintes. Quen tocou en FIFA 07? MobileOutlandish, Elefant, Carlinhos Brown

Dover – Do Ya (FIFA 08)

Outro videoclip cuxo primeiro comentario en YouTube vai dirixido á súa presenza nun FIFA. As irmás Llanos fixeran historia no rock español tras despachar 800.000 copias dun disco que valera 80.000 pelas alá polo ano 1997. O éxito de Devil Came to Me foi notorio e Dover alzouse como unha desas bandas xeracionais froito do momento. Seguiron esa liña uns anos, ata sorprender a propios e estraños cun álbum de corte disco, o odiado e amado a partes iguais Follow the City Lights de 2006. Novo mercado para uns, traizón para outros. Típico na industria musical española. Do Ya é a segunda canción deste LP.

FIFA 08 defínese musicalmente por ser un dos títulos co número de cancións máis alto, medio cento. DigitalismCarpark NorthCansei de ser sexy, !!!Planet Funk… Nacionalidades e estilos a esgalla.

MGMT – Kids (FIFA 09)

O renacer da franquía coincidiu coa incorporación dunha das últimas cancións do rock alternativo convertida en himno xeracional. Lanzáronse ao mesmo tempo e a crítica de ambos foi positiva. FIFA 09 incorporaba o Ultimate Team e vaticinaba o seu dominio do xénero dentro dos deportes electrónicos. Retomaba a senda do realismo e a simulación pura, mentres que o estancamento dos xogos de Konami deulle a EA vía libre para adiantar á compañía xaponesa pola dereita.

A melodía de Kids volveuse un éxito instantáneo do que películas e anuncios apropiáronse. Mesmo Berri Txarrak chegouna a interpretar en directo durante a xira do Denbora Dá Poligrafo Bakarra, uníndoa maxistralmente con Oreka. É a canción máis destacada dunha lista que inclúe temas para todos os gustos: Ladytron, Reverend & The Makers, Junkie XL, e, si, Macaco.

Los Fabulosos Cadillacs – La luz del Ritmo (FIFA 10)

Algo de ritmo. Lendas arxentinas, Os Fabulosos Cadillacs tamén quixeron formar parte dunha BSO na que se incluían máis de 39 artistas de máis de 25 países diferentes. Pouco máis que engadir. Repetía Macaco.

The Black Keys – Tighten Up (FIFA 11)

Brutal achega de The Black Keys á música contemporánea na súa particular viaxe da reinterpretación do blues anello e sincero. Tighten Up non obtivo o éxito que si se logrou con Lonely Boy ou Fever, pero aí está a compartir protagonismo xunto a Linkin Park, Gorillaz, ou Scissor Sisters, entre outros.

Evidentemente, o fenómeno caseiro que foi o FIFA xa era un fenómeno internacional grazas á súa achega dos eSports. YouTube, Twitch e demais plataformas comezarían a contribuír á creación dun mercado e unha industria máis aló do propio videoxogo.

Crystal Castles – Not In Love ft. Robert Smith of The Cure (FIFA 12)

Quizais una das cancións máis míticas dentro dos FIFA contemporáneos. De novo unha aposta clara polo xénero das electrónica grazas ao bo facer dos canadientes Crystal Castles ao lograr revivir a canción publicada por Platinum Blonde en 1984. Robert Smith, cantante e líder de The Cure, contribuíu a iso.

Como videoxogo, FIFA 12 asomábase ao final da sétima xeración de consolas e provocaba certa sensación de estancamento, feito habitual nos títulos de simulación de fútbol dos últimos anos. Máis temas? Puxeron música The Hives ou The Strokes, manténdose firme esa mirada cara o rock alternativo do momento.

Imagine Dragons – On Top Of The World (FIFA 13)

Outro bombazo comercial. A día de hoxe, On Top Of The World loce con orgullo os seus máis de 244 millóns de reproducións na plataforma de vídeos de Google. Pouquiño máis que engadir a maiores do evidente éxito dunha banda que en tan só un lustro conseguiu voar cara ás listas de éxitos e percorrer os festivais de medio (ou todo) o mundo.

O xogo incluía a incríbel cifra de máis de 500 equipos con licenzas oficiais e máis de 15.000 xogadores, mentres Crystal Fighters ou Django Django amenizaban as esperas.

Empire Of The Sun – Alive (FIFA 14)

Segue a mesma liña de efectividade comercial que as súas antecesoras. Alive preséntase como unha canción válida para a corrente que FIFA colleu dende o ano 2008 na procura dunha postura máis cómoda para os oíntes, comercial en gran medida.

É o único FIFA lanzado para consolas de tres xeracións diferentes: PlayStation 2, PlayStation 3 e PlayStation 4, sendo ademais o último título que aterrou en PS2 e PSP (e o primeiro da actual xeración, claro).

AVICII – The Nights (FIFA 15)

O malogrado DJ e produtor sueco figura como un dos nomes indispensables da música desta década. Para as xeracións máis novas a cousa aínda vai máis aló e queda como un referente de portentoso talento á hora de crear cancións coas que mover o corpo mentres avanzamos polo corredor de casa, cociñamos ou bailamos na escuridade das discotecas.

O xogo continúa a evolución cara un realismo esixido pola comunidade de xogadores. Foron engadidas ao redor de 600 reaccións de futbolistas a determinadas xogadas, como fallar unha ocasión de gol ou lograr un tanto na final do encontro.

Bastille – Hangin’ (FIFA 16)

Apenas se poderían rabuñar algúns datos a partires de aquí, máis aló dos que todos coñecemos. EA Sports segue ofrecendo un nutrido número de cancións, sobre as cincuenta, en cada nova edición do seu simulador de fútbol. Mantense a onda comercial, aderezada con diversas cápsulas en estilos ou xéneros de diversa índole.

En FIFA 17, FIFA 18, ou FIFA 19 a liña do pop electrónico e do rock alternativo preséntase como a máis agradable para o oído dos xogadores. Ou polo menos para os deseñadores destes títulos. A relación musical entre FIFA e a comunidade é un feito meritorio ao alcance de moi poucos xogos. Deixando dun lado cancións extraídas dun tráiler ou adianto concreto, a maioría dos videoxogos non teñen unha relación tan directa, en cada menú que abrimos, coa industria musical. Outro exemplo disto son as xeniais emisoras de radio dos diferentes Grand Theft Auto, idea que se podería traballar máis adiante.

Se tes curiosidade e queres revisar todas (ou case todas) as cancións que foron aparecendo na franquía FIFA, podes facelo a través desta páxina, que funciona como unha excelente biblioteca sonora.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.