Novo adianto e portada de Kingdom Hearts 3

Son moitas as ganas de botarlle o dente ao novo título de Square Enix e os últimos días a actividade arredor de Kingdom Hearts 3 foi moi elevada. De entrada, xa temos un novo adianto de catro minutos de duración onde podemos ver unha boa ampliación do mundo de Big Hero 6 así como as novas roupas de Sora. Pero faltaba por coñecer un detalle aínda do xogo, e era a súa portada. Vaiamos logo por partes.
No novo adianto todo parece indicar que Xehanort continúa co seu plan de reunir 13 escuridades para recrear a Guerra da Chave Espada, o único suceso que pode abrir o Reino de Corazóns. A historia de Kingdom Hearts é realmente unha das máis complexas e complicadas de seguir debido tanto á cantidade de títulos coma a das plataformas nas que se foron publicando, por non falar da singular cronoloxía na que foron editando os seus xogos. Poderá nesta ocasión a luz sobrevivir a escuridade? Para elo Sora e compañía necesitarán a axuda do resto de portadores da Chave Espada, e reunilos a todos non será doado.
Unha portada nostálxica
Coa súa data de lanzamento fixada a finais xaneiro de 2018, Kingdom Hearts 3 terá unha fermosa caratula que segue a liña das anteriores entregas con número, e amosa a un elevadísimo número de personaxes nela, todos cunha mirada confiada, ollando cara o horizonte no alto dun rañaceos.
Como non podía ser doutra maneira, a ilustración leva a sinatura de Tetsuya Nomura, director de toda a saga, que opta por un estilo de debuxo xa coñecido e familiar, o que lle aporta ao título un aroma cargado de nostalxia, coma se lle chiscara un ollo ao pasado. Sen dúbida, vai ser este un inverno moi longo.