Actualidade Novos detalles de Re:MIND, o DLC de Kingdom Hearts III

Novos detalles de Re:MIND, o DLC de Kingdom Hearts III

Sabía Square Enix que non era mal momento o concerto Kingdom Hearts Orchestra: World of Tres, realizado en Osaka, para anunciar novos detalles sobre Re:MIND, a expansión de Kingdom hearts III que chegará este inverno. A compañía xaponesa vén de explicar que será habilitado un modo foto que inclúe efectos e liberdade total na toma de imaxes, mesmo de crear slides, ou conxuntos de imaxes con música de fondo e pequenos efectos entre elas.

Tamén se implementará un menú alternativo no que elixir novas características para a dificultade. Reveláronse dúas: Black Code e Fast Pass. O segundo modo potenciará a Sora para facer o xogo aínda máis doado, namentres a primeira opción será a outra cara da moeda, ofrecendo a opción de engadir restricións voluntarias para aumentar o reto que supón a aventura principal. Por exemplo? Eliminar a habilidade Cura, non poder utilizar certos obxectos ou perder saúde de xeito gradual.

Doutra banda, Square Enix lembrou que publicarán un novo tráiler nalgún momento deste mes de decembro. Ademais, o xogo principal conta agora cunha demostración estendida en Xbox One e PlayStation 4.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *