Nuclear Blaze, do creador de Dead Cells, chegará o 18 de outubro
Nuclear Blaze é o título elixido para a nova obra do creador de Dead Cells, un xogo de acción e aventura en 2D, protagonizado por un valente bombeiro. Estará dispoñible en PC, a través de Steam, o próximo 18 de outubro.
O argumento é simple: deberemos entrar nun complexo militar ardendo co obxectivo de atopar e rescatar sobreviventes. Explosións, derrubes, lumes eléctricos, lapas… Haberá máis dun perigo nesta aventura de aspecto interesante, cun coidado pixel-art por bandeira.
«Máis que un roguelite/like/vania, trátase dunha aventura tan intensa como breve», reza a súa descrición oficial. Segundo a páxina de Steam, Nuclear Blaze seguirá a senda de Celeste e ofrecerá varios axustes de dificultade para que cada xogador poida personalizar a súa experiencia. «Non hai nin modo doado nin modo difícil como tal, mais diríase que a configuración predeterminada é bastante difícil», explica o creador, «non pasa nada por facer daa vida algo máis doado. A cuestión é pasalo ben, así que non teñas reparos en modificar os axustes dentro do xogo».
Sébastien Benard confesa na súa páxina de Steam que Nuclear Blaze naceu co obxectivo de crear un xogo para o seu fillo de tres anos, amante e fanático dos bombeiros. Poida que o resultado sexa algo máis esixente, pero por iso hai un modo para nenos con auga infinita, un uso adaptado da mangueira, sen morte e de exploración máis sinxela.