Nvidia presenta as súas novas tarxetas gráficas RTX 30

A nova xeración non é só cousa de consolas. Nvidia presentou este martes as súas últimas tarxetas gráficas a través da retransmisión dun evento en liña no que puidemos coñecer as bondades dos seus novos produtos, un hardware que abre a porta aos 8K a 60 imaxes por segundo. Dirixido por Jensen Huang, CEO da compañía, os tres modelos das RTX 30 Series foron os protagonistas.
Segundo o explicado pola marca, as GeForce RTX 3090, 3080 e 3070 ofrecen até 2 veces mellor rendemento e 1.9 veces mellor eficiencia enerxética que a xeración anterior, baseada en Turing. Os seus GPUs aproveitan a segunda xeración de NVIDIA RTX para ofrecer partidas cun nivel de trazado de raios en tempo real e de IA nunca visto. O certo é que as imaxes ensinadas en vídeo quitan o impo.
GeForce RTX 3090 | GeForce RTX 3080 | GeForce RTX 3070 | |
CUDA Cores | 10.496 | 8.704 | 5.888 |
VRAM | 24 GB GDDR6X | 10 GB GDDR6X | 8 GB GDDR6 |
Prezo | 1.549 euros | 719 euros | 519 euros |
Lanzamento | 24 de setembro | 17 de setembro | outubro |
Na práctica, os tres modelos presentados satisfarán a tres públicos diferentes e tres carteiras tamén distintas. O modelo máis económico é a RTX 3070, seguido da RTX 3080 e, a máis cara, a RTX 3090.