O actor de dobraxe de  CJ nega a súa participación nun futuro GTA

O actor de dobraxe de CJ nega a súa participación nun futuro GTA

Rockstar permanece nun silencio total sobre cal será o seu futuro proxecto artístico. Os rumores chegan como as mareas, cada pouco, con algunhas botellas con mensaxes dentro, pero sen nada que relevante que transmitir. Alén das actualizacións e parches que continúan chegando para Red Dead Online e GTA Online, a compañía americana non desvelou aínda os seus plans, pero hai un nome co que non poderán contar.

Após unha serie de mensaxes que circularon estes días polas redes sociais e insinuaba que Grand Theft Auto VI sería o seguinte xogo de Rockstar —con nula credibilidade— o actor de dobraxe de CJ, protagonista de GTA: San Andreas, cargou contra a empresa responsábel do xogo. Chris Bellard, a través da súa conta de Instagram, quixo acalar os rumores que o vinculan cunha posíbel volta do protagonista ao universo Grand Theft Auto.

«Para acabar cos rumores, non estou en absoluto involucrado en GTA VI. Que lle dean a Rockstar. CJ terá que ser interpretado por outro fillo de puta. Impórtame unha merda o que escoitásedes», explica o actor. O certo é que a súa mala relación con Rockstar é ben coñecida dentro da industria. Non é o único caso deste tipo. Segundo se foi sabendo cos anos, Ray Liotta —Tommy Vercetti, en Vice City— ou Michael Hollick —Niko Bellic, en GTA IV— tamén terían problemas coa compañía estadounidense.

Sexa como for, polo momento nada se sabe do futuro xogo que está por chegar. Iso si, GTA V foi o xogo máis descargado de Nadal en Europa, seis anos despois da súa estrea.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.