Actualidade O adeus de Celeste faise realidade con máis de 100 niveis novos

O adeus de Celeste faise realidade con máis de 100 niveis novos

O equipo detrás de Celeste quere despedir a obra que lles deu a fama internacional do mellor xeito posíbel. Desde o seu lanzamento, as alegrías foron chegando e definindo un título que logrou a estar nomeado como posible GOTY nos The Game Awards 2018. O capítulo 9, titulado Farewell, que chegará gratis a todas as plataformas o vindeiro luns 9 de setembro, poñerá o punto e final a unha obra magnífica.

Lena Raine creou corenta minutos máis de BSO.

«Achar a maneira correcta de dar unha conclusión aos personaxes e ao mundo de Celeste foi especialmente difícil para nós», confesa Matt Thorson, pai da criatura. Este último capítulo inclúe máis de cen niveles inéditos, o que sumado aos anteriores deixa unha cifra colosal: máis de 800. Aínda por riba, Lena Raine, compuxo 40 minutos máis de melodías adicionais para construír esta recta final de notas e acordes.

Só hai un pero, a posibilidade de que a versión de Xbox One non reciba este parche o día estipulado, debido ao desafiante que é para un equipo pequeno poder coordinar todas as plataformas dunha vez. Por suposto, chegará. Igual que chegará ás tendas unha edición en formato físico da man de Limited Run. Non hai data de lanzamento para este asunto, polo que piden paciencia para iso.

De Matt Makes Games a EXOK

O futuro semella prometedor para Matt Thorson e os seus. O que empezou como un prototipo nunha jam de catro días transformouse nun éxito internacional ao alcance de moi poucas obras independentes. Este derradeiro capítulo tamén supón a despedida de Matt Makes Games Inc, a empresa creada por Thorson para desenvolver e editar Celeste. Agora que ten un equipo completo, tamén quere unha marca nova. EXOK (Extremely Ok Games) será o nome do estudo no que seguirán creando.

«Arrinquei con Matt Makes Games cando comecei a traballar en solitario no soto dos meus pais e nunca pensei que traballaría cun equipo tan marabilloso en xogos desta escala», recoñece o creativo, que ve este cambio como unha boa maneira de reestruturar a forma na que fará xogos a partir de agora.

Sábese que xa están a traballar nun proxecto novo, aínda que non se revelou ningunha información sobre o seu xénero ou estilo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.