O alumnado do máster de videoxogos coruñés fai público o seu proxecto final
Poucos TFM resultan tan rechamantes como un videoxogo. Ese é o proxecto que o alumnado do máster de videoxogos coruñés da EBF. O obxectivo non é outro que entregar ao tribunal un xogo finalizado cunha duración de vinte minutos, un shot- play.
Baixo o nome de Factor Games, presentouse Light Revenge. Un título desenvolto dentro deste máster e que hoxe, 18 de xaneiro, por fin desvela as súas primeiras características. Baixo o lema “un mundo ás escuras onde a luz é perseguida”, Factor Games quere levar a bo porto un xogo de terror para PC.
Afondando xa nos seus elementos, a acción de Light Revenge terá lugar, inicialmente, nunhas instalacións de localización descoñecida, un laboratorio secreto baixo terra (ou baixo o mar, quen sabe?). Alí o xogador poderá comprobar a existencia de certas investigacións para dubidosos fins tras un errado experimento con materia escura. O caos está sevido. As instalacións convertéronse nun lugar denso e pouco apracible, onde unhas misteriosas criaturas axexan por todas as partes… e teñen unha fame voraz.
Como poder escapar?
No referido á súa xogabilidade, Light Revenge preséntase como un título de quebracabezas. Unha proposta sinxela pero efectiva. Haberá diferentes mecánicas como o aceso ou apagado dunha lanterna para despexar certas zonas do mapa, conxelar inimigos ou xestionar a batería da que dispoñerá o xogador. Estruturado en niveis, cada vez o reto será maior. A escaseza de recursos fará que o xogador deba medir milimétricamente as súas accións.
Un equipo unido
O conxunto de alumnos que forma Factor Games logrou crear un equipo forte e ambicioso, con diferentes perfís que acheguen unha mirada multidisciplinar ao proxecto que é teñen entre mans. Nunha recente visita á EBF por parte de Carlos Coronado, profesor na Universidade de Barcelona, deseñador de videoxogos e creador de Infernium, o catalán comentou as enormes posibilidades que posuía o título.