O autor de The Witcher reclama 14 millóns a CD Projekt RED
Dun tempo a esta parte, é bastante coñecida a mala relación que Andrzej Sapkowski, escritor polaco e creador da saga de novelas The Witcher nas que CD Projekt RED basearon os seus xogos, mantén cos responsables da compañía polaca de videoxogos.
O autor reclama agora a CD Projekt RED 60 millóns de zloty, que ao cambio serían uns 14 millóns de euros. Todo parece indicar que Sapkowski non está contento co acordo firmado antes da creación do primeiro The Witcher, polo cal tería vendido os dereitos para a creación do videoxogo por unha cantidade nunca feita pública. A realidade é que se pensa que foi unha cifra moi modesta e, ademais, o escritor non indicara ningunha porcentaxe sobre os beneficios que puideran derivarse do videoxogo.
Os anos pasaron e a saga virtual de The Witcher converteuse nunha das máis laureadas da década. Só hai que fixarse na súa terceira parte, que conseguiu cifras astronómicas, superando os 10 millóns de unidades vendidas tras converterse nun dos RPGs máis ambiciosos e influentes da historia recente.
Os avogados de Sapkowski din que o acordo orixinal só cubriría un título do bruxo Geralt de Rivia e demandan unha compensación pola explotación continuada do personaxe. A reclamación non sentou ben nas oficinas de CD Projekt RED que xa sinalaron esta acción como ilexítima, e non pensan ceder voluntariamente a esa entrega de cartos.
No comunicado oficial emitido polo estudio polaco lembran que adquiriron de maneira totalmente legal os dereitos do traballo de Sapkowski. Asemade, tamén foron cumprindo todas as obrigacións de pagos e débedas que tiñan co escritor ao seu debido momento.
Non hai que esquecer que CD Projekt RED segue explotando o nome do bruxo en títulos como Thronebreaker: The Witcher Tales, e nunca descartaron a posibilidade de retomar a saga nun futuro a medio ou longo prazo. Antes de todo iso, terán que acabar, editar e lanzar Cyberpunk 2077, o colosal proxecto baseado no xogo de mesa co que os polacos queren dar un novo golpe de efecto á industria do videoxogo.
Pois tamén manda carallo se o pobre Sapkowski non cheirou nin unha décima parte do que lle correspondería lexítimamente pola creación da saga.
Pode que CDPR fixesen xogos aptos para o mainstream, pero iso non os excusa de ser uns miserables co autor ó que lle deben a inmensa maioría da súa popularidade.
Habería que ver qué pon ese contrato, porque pode ser que o home malvendese os dereitos coa certeza de que non ía chegar a nada a franquicia.
CD Projekt RED non era máis que unha pequena empresa polaca que traducía xogos, e se lanzaron ó vacío con The Witcher. Saíulles ben, pero poderían haber sacado ben pouco da saga, como lles pasa a outros tantos estudios.