Reportaxes O catálogo de PS  Classic que puido ser e non foi

O catálogo de PS Classic que puido ser e non foi

Pronto publicaremos en Morcego unha análise da PlayStation Classic de Sony, ese modelo en miniatura co que a compañía xaponesa quere honrar a memoria dunha das máquinas máis importantes da historia das consolas. Pero antes de que chegue tal artigo, toca indagar nunha recente información sobre o conxunto de xogos que puideron formar parte da listaxe definitiva, ou que, polo menos, deixaron o seu rastro dentro do código da nova máquina gris.

Non é ningunha novidade sinalar PS Classic como un proxecto un tanto errado. Polo menos así foi criticado. Cun catálogo tan poderoso como o que posúe Play Station, moitos botan en falta xoias pasadas dentro dos 20 títulos que ofrece a consola en miniatura. Ninguén discute a agradábel presenza de Metal Gear Solid, Final Fantasy VII, Tekken 3 ou Resident Evil, pero si eleva as cellas cando os seus ollos contemplan Super Puzzle Fighter II Turbo ou Mr. Driller.

Agora, sospéitase que PS Classic puido ter un catálogo máis que interesante, xa que diversos usuarios lograron facer unha análise do código contido no software da consola, e acharon nomes doutros videoxogos. Algúns enormemente coñecidos. Dentro deste código aparecen máis de 30 títulos a maiores dos que a versión europea contén.

Indicaría isto que Sony tiña uns plans iniciais distintos aos finalmente feitos? Quizais. Aínda que tamén puido simplemente experimentar con estes xogos durante a fase de creación da PS Classic. Entre os diferentes nomes atopados no código destacan: Legacy of Kain: Soul Reaver, Gran Turismo, Medievil, Medal of Honra, Colin McRae, Crash Bandicoot, Silent Hill, Tomb Raider, Tony Hawk, Vagrant Story

A estas alturas xa se sabe que algúns xogos como Gran Turismo tiveron que ser descartados por problemas de licenzas e dereitos sobre a súa música, así como tamén das marcas de automóbiles que contén. Puido ser este tamén o caso dos Tony Hawk, coñecidos por posuír bandas sonoras alternativas que agora requirirían dunha nova negociación cos donos das cancións.

O código onde aparecen o resto de nomes, pode consultarse libremente.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
  1. […] das grandes compañías, pero que os fans botamos de menos. En Morcego podes ver un artigo sobre os títulos que puideron formar parte do catálogo da PS Classic pero que finalmente foron descartad… por diversos […]

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *