Actualidade O coautor de Super Meat Boy Forever defende a súa exclusividade na EGS

O coautor de Super Meat Boy Forever defende a súa exclusividade na EGS

Seguindo a liña doutros títulos, Super Meat Boy Forever —continuación do laureado Super Meat Boy— confirmou tempo atrás que chegaría a PC como exclusivo da Epic Games Store durante todo un ano. Nova que, tal e como adoita ocorrer con calquera movemento similar de Epic, desatou unha serie de reaccións contra esta decisión. Nunhas declaracións a Destructoid, o coautor desta obra, Tommy Refenes, defende que se tomou este camiño por mor do seu valor económico seguro.

«Dixéronme que querían Super Meat Boy Forever na Epic Games Store, pero que sería un ano como exclusivo. Ao principio, estaba como: ‘Oh … está ben’», explica Refenes. «Logo dixeron que garantirían as vendas. Mesmo nese intre, estaba como; ‘Non se que pedir. Así que, facede os números e dicídeme que ofrecedes’. Fixéronos, e eu dixen ‘Si!’ Era algo evidente. Despois de comprobar as cifras, o nivel de medo de non lanzar en Steam para PC aliviouse de inmediato».

O creativo sinala que este é o atractivo de Epic para calquera desenvolvedor. Mitigar o risco de crear videoxogos após asegurar que se alcanzará ese punto de equilibrio de xeito fixo. «Iso é enorme. Iso é enorme para calquera en calquera industria. Non sei quen non aceptaría ese trato», continúa.

Super Meat Boy Forever deuse a coñecer durante os últimos The Game Awards, un escaparate importante no que Epic tivo moito que ver para que se contase coa presenza deste xogo. Ben é certo que a exposición global tamén trouxo algunhas críticas por parte da comunidade. «Agardaba iso e estaba a esperar que a xente mencionase cousas de Tencent. O que é lamentábel é que as preocupacións que algunhas persoas teñen son razoables. Tes xente que di: ‘Non é unha gran tenda’, ou o que sexa, pero entón tes a merda salvaxe da teoría da conspiración do spyware chinés».

O longo debate que non acaba

O xeito de traballar e adquirir marcas por parte de Epic Games Store segue no ollo do furacán mediático. Abrir a billeteira, sacar o cheque, asinalo e anunciar un novo exclusivo. Un resumo quizais demasiado lixeiro, pero é a imaxe que a comunidade foi adquirindo da plataforma de venda dirixida polos creadores de Fortnite. Detrás, tamén hai un infinito capital, o de Tencent, o xigante chinés.

Os usuarios sinalan que a de Epic está a ser unha competencia desleal, presentando unha tenda sen apenas incentivos para o usuario —sen recensións, sen workshop, sen foros…— fronte a Steam, o ultramarinos de Valve, que segue alén do cuadrilátero sen inmutarse, cos ollos entreabertos e sen un só xesto de preocupación por mor deste tema.

Pola súa banda, a comunidade de xogadores segue coa súa quenda de labazadas. Defensores de Valve, defensores de Epic, usuarios que critican ambas as dúas empresas… O asunto seguirá nos próximos meses. Iso seguro.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *