Actualidade O coronavirus tambén pode coa QuakeCon no seu 25 aniversario

O coronavirus tambén pode coa QuakeCon no seu 25 aniversario

Outro evento que non será. O COVID-19 notouse de xeito evidente na industria do videoxogo ao paralizar de maneira case total a programación de eventos presenciais e promocionais, como o E3, que confirmou hai días a súa cancelación. A QuakeCon 2020 únese á lista de eventos imposíbeis de realizar baixo esta ameaza de saúde pública.

Bethesda ía acoller esta convención no Gaylord Texan Resort & Convention Center de Texas, Estados Unidos, entre o 6 e o 9 de agosto. Malia que falta un tempo xeneroso para esta data, a compañía vese incapaz de continuar cos preparativos. Paga a pena lembrar que o virus está agora expandíndose polos Estados Unidos a un ritmo de vertixe, alimentando a idea dunha máis que posíbel longa e dura corentena.

«Nas últimas semanas, pasamos moito tempo discutindo como poderiamos seguir avanzando con QuakeCon este ano, particularmente porque é o 25 aniversario do evento», reza o comunicado oficial de Bethesda. «Porén, con todos os desafíos loxísticos e incertezas que enfrontamos actualmente debido á pandemia de COVID-19, tomamos a difícil decisión de cancelar a QuakeCon deste ano».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.