O coruñés Adrián Suárez publicará este ano o seu libro sobre Miyazaki

O coruñés Adrián Suárez publicará este ano o seu libro sobre Miyazaki

A editorial Star- T Magazine Books presentou este martes a portada do libro O Pai das Almas Escuras: Hidetaka Miyazaki a través da súa obra. Unha ambiciosa viaxe cara o pensamento e os diversos proxectos dun dos directores de videoxogos máis influentes do século XXI. A súa mente ilustre está detrás da saga Souls, Bloorborne, Déraciné  e, en pouco máis dunha semana, Sekiro: Shadows Die Twice. O coruñés Adrián Suárez, é a pluma detrás deste libro.

A portada amosa un guerreiro anónimo, canso e envolto na escuridade, unha estampa que ben se podería atopar en calquera dos proxectos do autor xaponés. O libro chegará ao longo do segundo trimestre deste ano, aínda que é cedo para confirmar a súa data exacta. Contará cun prólogo escrito por Alejandro Pascual, redactor en 3DJuegos, presentador do podcast El Nexo e antigo xefe de redacción en Mundogamers, páxina na que Suárez milita como redactor e locutor dos seus programas radiofónicos. Tamén é coordinador do máster de videoxogos en a European Business Factory.

Portada do Pai das Almas Escuras: Hidetaka Miyazaki a través da súa obra.

O Pai das Almas Escuras: Hidetaka Miyazaki a través da súa obra contará con capítulos dedicados á formación de Miyazaki como director, á propia historia e narrativa das súas obras, así como á análise pormenorizada das súas estéticas e as súas mecánicas. Non é a primeira incursión do coruñés no mundo editorial e divulgativo. O pasado ano, Suárez publicou, xunto con Alejandro Parella, Sobre Mario: De fontaneiro a lenda, un libro no que se debulla o deseño de cada un dos seus xogos.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados