Actualidade O director creativo de Everwild deixa o proxecto

O director creativo de Everwild deixa o proxecto

Simon Woodroffe abandonou o barco de Everwild, o futuro título de Rare. O inglés, que levaba oito anos traballando dentro do estudio, decidiu deixar a compañía como unha decisión persoal. Malia que non foron explicados os motivos concretos da súa marcha, o medio VGC sinala que o director creativo xa presentara a súa carta de dimisión a principios deste mes, permanecendo ausente desde ese momento.

«Agradecemos a Simon o seu duro traballo en Everwild e desexámoslle o mellor para o futuro. O equipo de Everwild está en boas mans e sente paixón por crear un xogo que lles dará aos xogadores experiencias inesquecibles nun mundo natural e máxico», comentou Craig Duncan, máximo rsponsábel da empresa.

Woodroffe chegou en 2012 a Rare após traballar durante máis dunha década como director de deseño no grupo Sega, onde tamén foi director creativo de Sony & All-Stars Racing Transformed. Dentro do proxecto Everwild, Louise O’Connor asumirá agora a dirección, con James Blackham como deseñador principal e Ryan Stevenson como director visual.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.