Actualidade O E3 confirma o seu formato dixital e adianta algunhas das empresas presentes

O E3 confirma o seu formato dixital e adianta algunhas das empresas presentes

Malia que se levaba moito tempo falando do formato final do E3 deste ano, os seus responsables por fin o confirmaron: será totalmente dixital. Despois de nos quedars sen a maior feira do videoxogo o ano pasado por mor da crise sanitaria provocada polo coronavirus, o E3 volverá, aínda que dunha forma un pouco diferente.

A través de Gamesindustry.biz, puidemos coñecer algunhas das empresas que formarán parte do cadro de compañías presentes no evento, entre as que están Nintendo, Microsoft, Capcom, Konami, Ubisoft, Take-Two, Warner Bros e Koch Media.

E si, as ausencias tamén son algo evidente. Sony, non volverá, e tampouco estarán EA, Activision Blizzard, Sega, Bandai Namco ou  Square Enix. No caso dos primeiros nomes era xa unha tendencia, logo de crearen presentacións de seu paralelo, mais a falta de Square Enix si podería sorprender a máis dun.

O evento será retransmitido entre o 12 e o 15 de xuño. Como o fará? Non hai demasiados detalles sobre iso. Non está claro se todo o mundo poderá probar os títulos que sexan presentados en modo exhibición, como no evento físico, ou se simplemente será unha cita en liña cun vídeo tras outro e sen máis interacción que o visionado.

«Durante máis de dúas décadas, E3 foi o lugar principal para amosar o mellor que a industria dos videoxogos ten para ofrecer, namentres une o mundo a través dos xogos», explica o CEO da ESA, Stanley Pierre-Louis. «Estamos a converter o E3 deste ano nun evento máis inclusivo, pero tamén buscaremos entusiasmar aos seguidores con importantes revelacións e oportunidades de información privilexiada que fagan deste evento o centro de atención indispensable para os videoxogos».

Ora ben, a ESA, organizadora do evento, tamén afirma que a súa intención é que no ano 2022 a feira volva contar con presenza física de prensa e afeccionados. Veremos que ocorre de aquí a alá.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.