"> O equipo de desenvolvemento de System Shock 3 abandona o proxecto – Revista Morcego
Actualidade O equipo de desenvolvemento de System Shock 3 abandona o proxecto

O equipo de desenvolvemento de System Shock 3 abandona o proxecto

Non son boas noticias para os amantes da ciencia ficción. A terceira entrega da saga System Shock atópase nestes momentos estancada, tal e como confirmou un antigo membro do equipo de desenvolvemento de OtherSide Entertainment. A través dunha publicación en RPGCodex, este membro afirmou que todos os desenvolvedores deixaron de traballar en System Shock 3 e que o título avanzaba a un ritmo moito máis lento do que tiñan planeado.

A todo iso haille que sumar o feito de que o guionista, o director, o director de deseño e o programador principal abandonaron o estudio, polo que os peores temores son xa unha realidade. Kin Corn Karn, alcume que utiliza este desenvolvedor, asegura que «eramos un equipo pequeno e sabiamos que non podiamos competir coa oferta actual en produción e alcance» e que «estabamos moi atrasados no desenvolvemento de contidos».

En marzo de 2017, Starbreeze adquiriu os dereitos de distribución de System Shock 3 a OtherSide Entertainment e anunciou que investiría un total de 12 millóns de dólares para sacar adiante o título. Porén, unha importante crise financeira de Starbreeze e a recuperación dos dereitos por parte do estudio orixinal parece que supuxeron un obstáculo insalvábel para o xogo.

Juan Sanmartín
Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.