O escritor de fantasía Brandon Sanderson afirma que leva anos traballando nun videoxogo

Coñecido por ser un dos autores de fantasía máis importantes da actualidade, Brandon Sanderson confirmou que leva anos traballando nun videoxogo que, presumiblemente, será anunciado no ano 2022. Sanderson é o creador do Cosmere, un universo de fantasía no que conflúen diferentes sagas de libros, algunhas de enorme éxito en vendas como Nacidos da brétema e O arquivo das tormentas, polo que unha adaptación dalgunha das súas obras ao cinema, o videoxogo ou a televisión é o soño e o desexo de non pouca xente.
No repaso anual centrado no seu traballo e publicado no seu blogue persoal, Sanderso di que o título estará desenvolto por un estudio coñecido e que non adaptará ningunha das súas obras xa editadas: «Levo varios anos traballando nun videoxogo que, sospeito, será anunciado o ano próximo. Así que… Demos paso á especulación! (Nota: non se trata de ningunha das miñas propiedades, senón de algo que construín xunto a eles. Trátase dunha compañía de videoxogos que moitos de vós escoitariades, pero posiblemente non é na que estades a pensar agora mesmo, nin tampouco esoutra)», explica o mesmoescritor.
A afección do creador estadounidense polos videoxogos é ben coñecida grazas ás súas entrevistas, clases e tamén pola súa canle no YouTube, onde fala ou comenta aspectos da súa vida privada. Nun vídeo publicado en outubro do ano pasado, Sanderson explicaba que os seus xogos favoritos de todos os tempos son Undertale, Katamari Damacy, The Witcher, Braid e Bioshock Infinite, entre outros.