Actualidade O estudio detrás de The Red Strings Club publica un novo título ambientado en Galicia

O estudio detrás de The Red Strings Club publica un novo título ambientado en Galicia

O estudio valenciano Deconstructeam, recoñecido por obras do calibre de The Red Strings Club ou Gods Will Be Watching publicaron este mércores unha nova obra. E si, esta sucede no rural galego.

Trátase dun xogo curto que narra as peripecias dunha xornalista que viaxa até Galicia para entrevistar un ancián que asegura ter unha radio que lle permite falar con Deus. Baixo o título Interview with the Whisperer configúrase unha aventura conversacional de corte experimental, que fai uso da tecnoloxía Chatbot, segundo indica o mesmo estudio na descrición oficial. Isto permite que todo o que escriba o usuario poida ser entendido (ou non) polo personaxe da obra.

«Fai o teu mellor esforzo para sacar tanta información como poidas a Manuel. É posíbel que debas ser perseverante xa que ten algúns problemas para seguir as conversacións!», reza a sinopse publicada.

O xogo só estará dispoñible en inglés, xa que desde Deconstructeam avisan que non poderán localizalo por mor da propia tecnoloxía do Chatbot e a dificultade implícita de adestralo en varias linguas. Iso si, podes gozar del xa mesmo, pois a súa descarga é de balde.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.